Opinión

O medo feito cine

Debido a que a película que se proxectou na gala de clausura do Festival de Cine rematou logo do peche da edición do periódico, non puiden falar dela nas páxinas que se dedicaron ó evento. Aproveito logo este Fábrica de Soños para facelo. Porque “A trincheira infinita” merece unhas liñas. Non sei se se estreará nas salas comerciais de Ourense (en España fíxoo esta fin de semana), pero, sexa nestas ou sexa noutras, recomendo a súa visión. Porque o tema do filme impresiona un pouco, como xa me impresionara de rapaz o libro “As toupas”, que no 1977 publicaran Jesús Torbado e Manuel Leguineche, como xa me impresionaran historias (que contaría algunha delas en Testemuñas da Memoria) desa xente que, polas súas ideoloxías ou por simples xenreiras dos veciños, se viron condenados a vivir coma toupas desde o momento en que se iniciou a Guerra Civil ata 1969, ano da amnistía franquista.

“A trincheira infinita” vai sobre iso, sobre un personaxe encerrado durante 33 anos en soidade, no que se lle aprecia a el e ó propio espectador o medo. Porque o filme é medo feito cine. Ó longo de dúas horas e media (creo que non era necesaria tanta metraxe), o trío de realizadores (Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga) constrúe un relato de encerro, paranoia e medo sen fender en ningún momento o punto de vista do protagonista, recluído no seu propio fogar e protexido das miradas alleas pola súa muller e, anos máis tarde, tamén polo seu fillo.

A claustrofobia, o achegamento da loucura, a desesperanza, o perigo dos malnacidos cara á muller descríbense cun potente e agónico estilo visual. Antonio de la Torre fai o seu papel, pero vexo moito mellor o traballo de Belén Cuesta. Porque o filme dá para pensar non só no propio acochado, senón neses familiares ou achegados que tiñan que tragar fel para seguir vivindo, para que ninguén soubese o que tiñan na casa. Estes pasaban o mesmo medo ou máis có carente de liberdade.

O único pero que lle atopo ó filme é que, por querer ser realista e auténtico, a reprodución da linguaxe, a dicción custa entendela. En moitos diálogos agradeceríanse uns subtítulos. Polo demais, moi boa película.

Te puede interesar