Opinión

O mundo é meu!

Tan axiña como deixei atrás o portal do edificio no que vivo, e vendo que a canícula caía con forza, arremanguei as mangas da camisa e case berrei: o mundo é meu! Sei que ás veces peco de sabido e que son un botado para adiante, pero tamén é verdade que se non se lle bota cara ó asunto, un queda de pusilánime, de apoucado de por vida. E tampouco é iso, tampouco é así. Cómpre ir sempre uns pasos por diante. Por diante do que sexa, claro. Incluso dun mesmo.

E ante estes pensamentos tan positivos e tan cheos de ansiedade, saín disposto o comerme o mundo. Boteille un bocado á realidade de saber que o camiño estaba bastante solitario e que se podía facer longo. Mais, como teño bo dente, seguín. Seguín en soidade e silencio, pero seguín. Menos mal que non atopei estorbos ou obstáculos. O mundo é meu!, case volvín berrar.

Seguro que o camiño estaba despexado porque os atrancos ou as pexas ou os contratempos colléronme medo. Verían que, efectivamente, era un botado para adiante e non querían meterse en liortas e algaradas. Pobres!; se eu nin son capaz de cuspirlle a unha mosca. Moito menos de esborrallar paredes, muros e valados. Non obstante, tampouco quero dicir que sexa un brando ou un paspán. Sempre é bo mostrarse ás veces con cara de ferreiro ou cara de can. Abre máis portas, máis camiños, máis sendeiros. Polo medo. Aínda que, repito, son un cachiño de pan bendito. Mesmo así... o mundo é meu!

Te puede interesar