Opinión

O rol da harlow


Foi a primeira rubia platino que alcanzou a fama no cine e, de todas, sen dúbida, a dotada de máis talento. O seu encanto estaba na súa vulgaridade canalla e terreal. Os críticos, ó principio, desprezárona, pero pouco a pouco acabaron recoñecendo as súas dotes interpretativas. Ela é Jean Harlow, a rubia platino.

O seu verdadeiro nome era Harlean Carpenter e nacera en 1911 en Kansas City. Empezou facendo papeliños de extra e algunhas películas curtas con Hal Roach. Pero o seu potencial erótico non tardaría en estralar, facendo que bambearan os cementos do código Hays de censura, da man de Howard Hughes en “Anxos do inferno” (1930), cando tras dicirlle ó protagonista “Perdoe, vou poñerme algo máis cómoda”, exhibía os seus encantos cunha sensualidade de alta temperatura, de estímulo inmediato.

En 1932 formou por primeira vez parella con Clark Gable en “Terra de paixón”, e a química entre os dous funcionou de tal maneira que volveron traballar xuntos en “Ti es meu” (1933), “Mares de China” (1935), “Esposa contra secretaria” (1936) e “Saratoga” (1937).

“Terra de paixón”, antecedente de “Mogambo”, foi a mellor e ó mesmo tempo o prototipo das súas películas xuntos, con Gable collido entre os encantos da prostituta trotamundos que interpretaba a Harlow e a fría e adúltera dama con clase que encarnaba Mary Astor. Un dos seus grandes éxitos foi en “Cea ás oito” (1934). Era a amante rubia e parva dun arribista que daba unha cea a uns invitados distinguidos

A súa forma de andar era provocativa, nunca levaba sostén e os seus bicos do peito (que endurecían cun cubiños de xeo antes de rodar) sobresaín insolentes duns traxes dos que sempre semellaba que a súa anatomía ía escapar en calquera momento. Ela sabía cal era o seu rol e collía todo iso cun humor excelente.

Jean Harlow morreu moi nova, ós 26 anos, en plena rodaxe de “Saratoga”, polo que a tiveron que substituír en algunhas escenas por unha dobre, e pasou a engrosar con todo merecemento as filas dos mitos do cine. Spencer Tracy dixo dela: “Se algunha vez houbo alguén que dinamitara a hipocrisía, esa foi Jean Harlow”.

Te puede interesar