Opinión

Palos en las ruedas

Quedei encantado do carreiro que me levou ata os confíns dos tempos. Ó mellor foi polo sentimentalismo da música de Alexandre Desplat ou porque vin, á beira, sobre a galla dun castiñeiro, a unha rula cantando algo así coma un soneto. En cada paso que daba unha ilusión facía sombra sobre a estrofa que acababa de escribir. Ou quizais sobre a que estaba a piques de plasmar nun papel en branco. En cada revolta confiaba nun segmento de ansiedade, desa ansiedade que esperaba por min desde tempos inmemoriais e ata a eterna liberdade. Dado que sempre pensei que o afán de atopar a liberdade está na ansia de cada un e no asubío que deixas escapar por entre as matogueiras da conciencia. Certo que algúns non temos conciencia, pero mentres haxa un fío de esperanza, hai que confiar. Coma eu, que confío sempre. Confiei en seguir por ese carreiro coma se estivera a ler a fábula dunha vida novelada. Nas fábulas asomaban asuntos que nos se esperan e fantasías que van moito máis alá das estrelas. Sentei sobre unha pedra que apareceu logo dunha curva á esquerda. Finquei os cóbados sobre os xeonllos e metín a cabeza entre as mans para esperar os lóstregos da tormenta ou os latexos dunha tribulación. Ó mesmo tempo seguín cos pés o ritmo dunha canción. Erguín a cabeza, contemplei a rula que se foi, as follas que se moveron, as nubes que pasaron e escoitei como o silencio me dicía moitas máis cousas que todo un libro repleto de liñas escritas e cheas de ilusión. Pero hai ilusións que non saben aboiar sobre este mar de soños. Porque hai autores que non saben soñar. Soñar é bonito.

Te puede interesar