Opinión

Parar a guerra

O coche dorme no taller, me dixeron. Unha pequena contrariedade. Necesítoo para ir a Ucraína. Quero parar a guerra. Como non me mete medo nada, póñome ó camiño e xa está. Dito e feito. Malo será que non chegue a tempo. A contenda non ten pinta de parar.

Polo camiño pensarei nos métodos máis sinxelos para deter esa masacre. Podo usar un poema de mil versos, de declamación fácil, e a ver que pasa. Ou lanzarlles unha canción de Roberto Carlos, John Lennon ou Bob Dylan. Rexeito un discurso político. Os discursos políticos non son de crer. Son máis falsos que un político honrado. Como último recurso, e se vexo que non me fan caso, soltareilles un par de bombas nucleares e que rebente o mundo. A min non me marean a perdiz! Non son de andar con voltas e revoltas.

Cando cruce a cordilleira pirenaica seguro que xa tramaría algunha solución máis. Sei que non é fácil. Parar unha guerra nunca foi fácil; e por moito que diga que para min non hai nada imposible. Que carallo, non o hai. A proba é a desta andaina que iniciei porque o coche dorme hoxe no taller. Hai guerras que non poden ir máis alá do que xa foron.

Estou cruzando xa Francia e ensaiando un himno de paz asubiado. É unha mestura entre Ennio Morricone, John Williams, Vangelis e Hans Zimmer. O final remátoo cun solo de Henry Mancini. Cruzando Austria comunícanme que xa está o coche. A boas horas!

Te puede interesar