Opinión

O paso do tren

Raio de rapaz! Quixo que descarrilase o tren. Para elo puxo tres pedriñas no raíl esquerdo. Acochou detrás duns salgueiros e esperou a que pasase o cabalo de ferro. Cando oíu ó lonxe o asubío da máquina, o neno deixou escapar unha risiña polo baixiño e contou os segundos nos que tardaría en chegar o tren. O seu corazón bambeaba latexos ó compás do ruído das rodas de ferro daquel tren que xa asomaba no horizonte. O rapaz deixouse ver un chisco e axiña cambiou de expresión. Puxo cara de susto. Non imaxinaba unha mole tan grande a aquela velocidade. Un novo asubío aínda o asustou máis. Xa non controlaba os latexos do seu peito. Apertou o cu e os nervios leváronlle as dúas mans á petrina para, alí, apertar con forza e non se mexar co medo. Pensou no que podía pasar se descarrilase o tren... a aquela velocidade! O cabalo de ferro pasou e o neno tan só viu po onde puxera as pedriñas.

Te puede interesar