Opinión

O pesadelo do Real Madrid

Sigo a traxectoria de David Ferreiro coma se fose un parente. Non é parente, pero é veciño (o meu concepto de veciñanza pode estar á altura do familiar). Intento ver os seus partidos para poder gozar do seu fútbol, que é moito. O domingo pasado, contra o Real Madrid, xa me sentei ante o televisor con media hora de antelación. Non fose que no café me pillasen as boas mesas. Tívenas todas á miña disposición. Despois, o mellor, estaba por chegar. Chegou a actuación estelar do rapaz. Nin esaxero nin me deixo invadir pola emoción; pois tanto os comentaristas da televisión coma tres mozos que estaban na mesa de atrás e que eran do Real Madrid estaban de acordo, todos eles, de que o mellor do partido era David Ferreiro. Que estaba a ser o pesadelo do Real Madrid. Tan só lle faltou o gol (maldito Courtois!). Tamén foi moi triste que, a pesar da impresionante actuación de Ferreiro e de todo o equipo de Huesca, o Real Madrid saíse vivo do Alcoraz. O Huesca non só merecía o empate, senón incluso a vitoria. Pero xa se sabe o que pasa no fútbol... O estadio coreou o nome de Ferreiro. Un servidor deixa aquí plasmada a súa admiración por ese corre camiños de Baños de Molgas.

Te puede interesar