Opinión

E punto pelota

 

É o que comento sempre: o caso é dicir algo. O caso é botar a lingua a pacer, e a ver qué acontece. Os políticos pensan que a maioría das veces somos coma pombiños. “Ó mellor ata son capaces de non rosmar nada”, pensarán.

Ademais, pedir perdón, pedir desculpas é tan fácil. Perdón. E xa está. Xa quedan coma uns benditos. Dan a entender que fixeron algo ou que están a elo, pero que erraron. É igual, lanzámoslle un perdón, e punto pelota! Feijoo pide desculpas polo caos das urxencias a causa da gripe. Perdón. Xa está. Os de Sanidade sabemos como está o asunto, pero... nesta época xa se sabe o que acontece. No verán adoita pedir perdón pola lacra dos incendios. A ver!, asomou un verán tan seco que... quen o esperaba! No inverno dedicámonos a estudar o monte. Só a estudar. Non o imos limpar porque, ó mellor, este ano non arde e, ademais, sería un gasto enorme. No verán estudamos a gripe, a ver cómo vai atacar. Cando o faga engadimos máis camas, e punto pelota! Malo será que entre os corredores e as salas de espera non nos collan todos os pacientes. O caso é facer que facemos. Que saíu mal?... Perdón. E punto pelota! 

Te puede interesar