Opinión

Resumo do 2023

Rematado o ano 2023, teño que seguir coa tradición de facer o típico resumo anual das estreas que se realizaron na cidade de Ourense. Dicir que xa van uns cantos resumos, algo así como 15, ou sexa, desde o 2008. Este será o número 16. E en cuestión de filmes estreados (143), a cantidade é moi semellante á dos outros anos. Mesmo coincide coa de 2011. Os anos que máis se estrearon foron o 2016 e 2018, os dous con 145 películas. E por se tedes curiosidade, o ano 2020 foi cando menos estreas houbo, 88, pero hai que lembrar que andou o bicho por medio, ou sexa, a covid.

Volvendo ó ano que nos toca, a este 2023, as estreas mensuais foron como segue: con 10 películas estiveron os meses de xaneiro, maio, xullo e agosto; con 11 tivemos febreiro e novembro; con 12 asomaron abril e xuño; con 13 estivo tan só decembro; con 14 tamén só marzo; e con 15 os dous que quedan: setembro e outubro.

E deixando xa á parte as cantidades, toca falar un pouco das propias películas. Claro está, tan só daquelas que teñen algo ou que chamen con algo a atención. Se tivera que falar das 143 estreadas, o espazo da columna...

No xaneiro apareceu “O río da ira”, na que participan Robert De Niro e John Malkovich, que sempre son un aliciente. Outros que prometían, e moito, foron Brad Pitt e Margot Robbie en “Babylon”. No febreiro asomaron polas pantallas “Os Fabelman”, de Steven Spielberg e con Michelle Williams. Xa no marzo tivemos a terceira parte de “Creed” e a cuarta de “John Wick”, así como a galega “Matria”. No abril, Luis Tosar apareceu en “Fatum”. No maio estreáronse “The Lost King”, de Stephen Frears, e a décima (miña nai!) de “Fast & Furious”. No xuño apareceron outra de Indiana Jones, a do “Dial do destino”, outra máis de “Transformers” e “Asteroid City”, de Wes Anderson, con Tom Hanks e Scarlett Johansson. No xullo, unha máis de “Misión imposible”, a boa de “Oppenheimer” e a popular “Barbie” (para un servidor, unha trapallada). Por falta de espazo, resumo aínda máis: a inmensa “O corno” e “O home e o can” apareceron no outubro. A polémica “Napoleón” asomou no novembro. E remato dicindo que, en todos os meses, se estrearon películas de animación, algo que me alegra infinito, xa que, así, os nenos, serán eses espectadores eternos que manterán a sétima arte en continuo movemento.

Te puede interesar