Opinión

A rima do verso

Queda á intemperie a rima dun verso. Para que arrefríe a ansiedade de todo o poema. E tan só o silencio da noite conxuga o sentimento e deita sobre a almofada do xuízo unha composición que vai máis alá da temperatura dun pensamento. A rima do verso modifica o instante, o momento do latexo. O latexo que dálle, que vai e que vén polas entrañas dunha corredoira que serpea por entre as sabas dun soño eterno. Nunca volverán os saturniños voar sobre os tellados do universo. Dese universo que está aí, quieto, en silencio e debuxando entre nubes de algodón a rima de todo un verso. Ritmo de jazz no consolo dunha pena, no gozo dunha gavela. Nesa gavela que enche o carro da señardade e que, logo, se descarga na palleira entre aparellos que cavan os versos. Sempre hai versos que quedarán á intemperie, ó resío para que a súa rima vaia algo máis alá do silencio. O silencio é a rima do verso, do poema.

Te puede interesar