Opinión

Sucos pola páxina en branco

Un que se levanta. Unha que vai. Outra que vén. Fóra, as follas dos amieiros bailan ó ritmo que lles marca o forte vento. Hai vento. Bastante forte. Os anteollos, abertos sobre a mesa da cafetaría. O móbil tombado sobre a mesma mesa da mesma cafetaría. E o libro “O xuramento dos bárbaros”, do autor alxerino Boualem Sansal, acouga sobre o ídem de ídem. O tempo pasa e todo cambia. Cambiou a persoa que se levantara (xa marchou), a que se ía (xa volveu) e a que viña (xa sentou). O tempo non para, non queda quieto. Ata os anteollos cambiaron. Pasaron da mesa á punta do nariz para contemplar o panorama. Un neno co paraugas aberto. Porque empeza a chover. Unha muller que mete un cacho de cruasán á boca. Ou o que sexa. Ó mellor é unha rosca. Vai ti saber. O escritor deixa de escribir para endereitar un chisco o seu lombo. A algúns todas as posturas lles cansan. O escritor deixa de escribir para rañar os ollos. Aínda que non se traballe, ás veces as canseiras fanse donas e señoras dos corpos. Poida que dos corpos nugalláns, pero... Pero o tempo segue pasando e o escritor segue esperando a que pase o tempo. Agora mesmo, todos quietos; ninguén vai e vén. Tan só o bolígrafo fai sucos pola páxina en branco para sementar unhas palabras de orballo.

Te puede interesar