Opinión

Tirando a dar

A concurso tamén se presentou “Listen” (2020), a primeira película de ficción da actriz portuguesa de cine, teatro e televisión Ana Rocha de Sousa, e que se basea na historia real dunha familia do noso país veciño que emigrou a Londres e que loitou por manterse unida intentando demostrarlle ós servizos sociais británicos que as súas sospeitas de malos tratos ós nenos son infundadas. O filme, de pouquiño máis dunha hora de duración (73 minutos) conta cun elenco de actores portugueses e ingleses encabezados por Lúcia Muñoz (cantante que representou a Portugal no Festival de Eurovisión de 1996), Rubén García, Sophia Myles e a pequena discapacitada xorda Maisie Sly.

Semellante na súa formulación a algúns dos dramas do gran Ken Loach, todo o que ocorre nesta película é perfectamente crible, incluída a posibilidade de que un erro institucional arrinque a un neno dos brazos da súa nai porque hai sospeitas de que lle pegou a outro dos seus fillos. Así, teñen todo tan en contra que a narración leva ó espectador á empatía, a poñerse a favor dos protagonistas.

A dirección é máis que correcta e adopta, como dixen, un enfoque de realismo social, narrando a historia a saltos; ofrecéndonos un relato co seu punto de vista, case coma un documental. Ademais faino con certo ritmo, alternando diferentes secuencias, para manter en todo momento o suspense e a intriga. Estamos ante unha película máis que interesante, de auténtica denuncia social e que pertence a esas chamadas “tramposas”, porque conta un drama familiar de tal magnitude que te colle polas entrañas, polas asaduras e estes sentimentos tapan bastante o que realmente é a película. Resumindo, película realista, sensible e tirando a dar sobre a burocracia na función pública.

Como anécdota contarei que “Listen” presentouse como candidata ó Oscar deste 2021 á mellor película estranxeira, pero a academia hollywoodense rexeitouna ó incumprir un dos criterios de elección, o que consiste en que ó menos o 50% da película tense que falar en lingua non inglesa. E neste filme tan só se fala portugués (o resto é todo en inglés, claro) uns 10 minutos deses 73 que ten.

Te puede interesar