Opinión

Titular na portada

Erga cedo, levánteme tarde a miña obsesión é saír da casa coma un foguete ou coma un lóstrego para ler o xornal ou os xornais do día. Teño tal  fixación, tal cisma que como vexa que poden estar pillados nas cafetarías ás que vou habitualmente, non me importa tirar para adiante e buscar unha onde teña posibilidades de atopar un xornal libre. Teño tanta ansiedade por saber o que pasou... Ás veces levo algún que outro desgusto. Como o que me aconteceu o pasado xoves, día 2. Na portada dun periódico da nosa Comunidade viña o seguinte titular (en castelán, aínda que eu, claro, pásoo ó galego): “Cristina Pedroche sorprende cun vestido de fibra de vidro e pan de ouro”. Inmensa tristeza ó ler isto. Como se pode instalar en toda unha portada unha noticia coma esa! Nun xornal subvencionado pola Xunta de Galicia! Medio pagado por nós! A noticia dun personaxe que, seica, ano tras ano vai detrás duns minutos nos que poida chamar a atención a base da exhibición do seu corpo. É certo que co seu corpo pode facer o que lle dea a gana e é moi respectable a súa decisión; pero non asumo que un xornal de tirada nacional inclúa na portada (nada menos que na portada!) un titular sobre o egocentrismo, a egolatría de alguén. Todos sabemos que esas novas (con fotos incluídas) quedan mellor nesa chamada prensa amarela; pero nunca deberían asomar nun xornal que se presume serio, xenuíno (certo, ultimamente é un dicir) e sustentado, sostido cos nosos cartos.

Te puede interesar