Opinión

Unha sombra lectora

Estaba a ler sentado nun banco da Farixa cando notei que unha sombra me ameazaba. Pensei en algún coñecido, claro. Pois non; era unha señora maior, cun bastón e que ranqueaba abondo. Pensei que me preguntaría algo. Pero non; dixo aquilo de “é con quen mellor se está”, “é o mellor que se pode facer”, en clara alusión á lectura. E falamos un chisquiño: que se os libros non molestan a ninguén, que se se aprende con eles, que non lle facemos dano a alguén, que non se repoñen, que non contestan...”, e cousas desas. “A min tamén me gustaba moito ler”, dixo ó mesmo tempo que sinalaba os anteollos, en clara referencia á perda da vista, por suposto.

Deu uns pasos para marchar. Axiña pegou a volta. Ai, Deus!, pensei; vaime dar a roncha no que queda de tarde. “Cos nenos tamén se está moi ben”, comentou. Díxenlle que si, claro (son un fanático dos nenos). “Porque se un neno che di que te quere, é porque te quere de verdade”. “Se eu lle digo agora a vostede que o quero, é mentira”, sentenciou. Rinme naquel momento e ríome agora ó recordalo. Menos mal que o seu querer era falso, que se fora verdadeiro, non sei como reaccionaría. Logo das risas, definitivamente, marchou. Eu seguín lendo. Pero xa paseando. Sentado axiña me canso. E iso que botei toda a mañá facendo o mesmo por Maceda, ou sexa, ler andando. Se é moito tempo canso dos pés. Pero máis me canso sentado.

Te puede interesar