Opinión

A VIDA É MARABILLOSA

Facendo tempo para ver o final de etapa do Tour de Francia. Mentres espero, desespero. Non, hoxe non desespero. Fochico no ordenador e xa paso o tempo. Podo lanzar un suspiro e dicir que é por algo que perdín. Na realidade non perdín nada. Que vou perder, se nada teño! Podo deixar escapar un salouco  e insinuar que estou triste; cando agora mesmo amoso un sorriso no que ensino todos os dentes. Por que vou estar triste? Se a vida é marabillosa. Sento ante ela, escoito música e xa me dá igual que se acabe o mundo. Todo seguiría sendo marabilloso: a rula que voa, o coche que corre, o can que ladra, o lobo que oulea, o palleiro que está na aira, o peixe que nada, o político que fala... Se miro para arriba vexo como pasan as nubes. Se miro para abaixo contemplo a punta dos pés e coa ansia de lle pegar unha patada a alguén. De cando en vez éntranme desas carraxes que teño que estourar. Si, xeralmente todo é marabilloso... ata que algo se torce. Por veces é bo que algo se torza. Que sería a nosa vida sen cambios! A rutina cansa.

O tempo xa pasou un pouco. Non moito, pero si algúns minutos quedaron xa para o recordo. Certo que eses minutos, ó mellor, e co tempo, poden pasar á historia. Vai ti saber! Alguén pode chegar a dicir que neses minutos o escritor que está escribindo quedou coa ollada perdida para que cambiase o mundo. Claro que, agora mesmo, non sabemos se, no futuro, cambiará moito o mundo. O escritor que está escribindo xa o dirá nun futuro. Porque a vida é marabillosa e pensa vivir moitos anos.

Te puede interesar