Opinión

Volveu a Chuvia

Volveu a chuvia e Kobe Bryant deixounos un pouco orfos. Volveu a chuvia e lembro unha nova que lin hai uns días sobre unha muller que afronta case tres anos de cárcere por pegarlle a un fillo que sacou malas notas. A verdade é que ó ler ese titular case me dá a risa; porque pensei en min e na miña nai. Sempre aparecín con suspensos na casa, incluídas as notas finais e ata as de setembro. Sempre arrastrei materias dun curso para o seguinte. E a miña nai, xa o teño dito, tiña a man moi lixeira, como lixeiros eran os obxectos que pillaba ó seu arredor. E nunca se me pasará pola cabeza que fose merecente dalgún tempo no cárcere, nin tan sequera de ningunha amoestación. Claro que, despois, cando xa lin a fondo a noticia, cando xa a lin enteira cheguei á conclusión de que esa muller merecía máis dos tres anos de cárcere. Porque seica, a maiores de darlle labazadas, golpeábao cun cable nas pernas e dáballe puñadas nos ollos. Na consulta médica, ó neno descubríronlle o corpo cheo de hematomas. O que significa que non eran unhas simples lapadas de carraxe por suspender. Iso xa era maltrato puro e duro. Nun neno! Nun fillo! Dise que unha nai sempre é unha nai, pero tamén é certo que hai nais que nunca deberían parir. Volveu a chuvia, pero, por sorte, a borrasca Gloria xa nos deixou. Aínda que, iso si, deixou un rastro demoledor, con mortos, desaparecidos, neve, mala mar, desolación e gastos enormes. Volveu a chuvia e non queda outra que meterse no coche para poder ler un chisco. Imos alá.

Te puede interesar