Opinión

Partipación

Somos moitas ourensás as que gozamos vendo ao equipo da nosa cidade na máis alta categoría do basket estatal durante anos. Moitas, digo, as que lembramos partidos do Caixa Ourense primeiro, e do Coren Ourense despois. Tanto nos Remedios como no Paco Paz.

Somos moitas tamén as que medramos xogando a baloncesto. Xogamos de forma federada como cadetes, xuvenís e seniors. Colgamos a camisola botando unha man noutras categorías. Coñecemos as dificultades que sempre tivo o deporte de base e sabemos do sacrificio persoal de tantas adestradoras a cambio de ver a cara de ilusión e alegría da mocidade da cidade. Xente que nunca terá o merecido recoñecemento máis alá da satisfacción persoal de ter feito as cousas co corazón.

Vemos con interese e preocupación o debate económico respecto ao posible ascenso do Clube Ourense Baloncesto á ACB. Seguro que boa parte da cidade se sente orgullosa dos éxitos deportivos do equipo, e parabeniza o traballo feito neste eido. Pero non é menos certo que a petición que fai o Clube ao Concello de Ourense non é pecata minuta. Adicar cartos públicos a calquera iniciativa sempre require de análise e debate. Require ter todos os datos enriba da mesa para posteriormente avaliar e determinar cales deben ser as prioridades orzamentarias para a cidadanía, nun momento especialmente crítico dende os puntos de vista social e laboral. Neste caso, é preciso saber cómo traballar de forma efectiva co deporte de base ou cómo será o retorno real á cidadanía en materia económica desta inversión.

Como normalmente acontece, a decisión final debe ser tomada mediante un exercício de radicalidade democrática: transparencia absoluta no fluxo de información e participación cidadá no debate e toma da decisión final.

Te puede interesar