Opinión

1º de maio: Contra o retroceso nas condición laborais

Mentres uns, a minoría, amontoan riquezas co sufrimento alleo, outros, o pobo traballador, caen na degradación e na miseria. Esta situación apenas se pode amortiguar co sistema público de protección social porque o están limitando a través de recortes e reformas que provocan un menoscabo dos nosos dereitos. Estes son os efectos da política que actualmente aplica o capitalismo neoliberal, un sistema inhumano. Lembremos a época da escravitude, abolida aínda fai poucos anos, ou a explotación infantil actual; coa utilización por parte das multinacionais de man de obra de nenos escravos ou as penosas condicións de traballo de antes e de agora en boa parte do mundo.

Esa política neoliberal ten levado a clase traballadora a unha situación de gravidade estrema e temos que retroceder 40 anos para ver algo semellante nas condicións laborais.

O paro segue sendo moi alto, en 12.700 fogares ourensáns non traballa ningún membro da familia, o 50 % dos desempregados non teñen ningunha prestación. Os mozos e mozas ourensáns son expulsados á emigración para poder sobrevivir, as actuais reformas laborais facilitaron e abarataron os despedimentos e forzaron aos traballadores-as a realizar o seu traballo por menos salarios e peores condicións, soportando os abusos dos empresarios. A precariedade aumentou coa proliferación do contrato temporal e a tempo parcial, a maioría dos convenios colectivos non se negocian, os servizos públicos como sanidade i ensino deterióranse ou privatízanse, moitas familias son desaloxadas das súas casas, dificultan o acceso a prestacións e redúcese a cuantiosa as pensións, non se aplica a lei de dependencia aos máis necesitados...

Esa política que só beneficia aos banqueiros e especuladores que son aos que lle vai ben é executada polos gobernos central e da Xunta do PP e conta coa oposición de amplos sectores da sociedade a que agora tentan dar unha imaxe positiva , pero falsa; de creación de emprego pola proximidade das eleccións nas que os traballadores-as temos o poder do voto e a posibilidade de castigalos.

O 1º de Maio non só é un homenaxe aos mártires de 1886, senón que simboliza a loita polo cambio deste sistema por un máis xusto, democrático e de igualdade no económico e social pero fronte a esta dura realidade i esta cruel política o movemento sindical ten que responder diariamente pola mellora das nosas condicións de vida por iso resulta lamentábel o entreguismo que practican algunhas opcións sindicais mais preocupadas por ter o recoñecemento dos poderes do Estado e confunden a defensa dos seus intereses e prebendas coa defensa dos intereses da clase traballadora.

Te puede interesar