Opinión

Os sete principios da Cruz Vermella

Como cada 8 de maio, as persoas que formamos parte da Cruz Vermella celebramos con orgullo o noso Día Mundial. Conscientes de que cada un de nós somos parte da cadea, traballamos día a día para aliviar o sufrimento de milleiros de persoas e para mellorar as súas condicións de vida. Hoxe é o aniversario do nacemento do fundador do movemento, Henry Dunant, visionario e filántropo que deixou un legado que perdura ao longo do tempo grazas a que o labor da institución se realiza baixo sete principios fundamentais: humanidade, imparcialidade, neutralidade, independencia, voluntariado, unidade e universalidade. 

O paso do tempo fixo que de ser un referente en emerxencias e auxilio a feridos en guerras ou catástrofes, pasáramos ademais a ser un faro para quen precisa axuda por mor da súa vulnerabilidade.

Hoxe é un día no que reivindicamos a sensibilidade e solidariedade de tantas persoas que non pechan os ollos ante as traxedias que nos rodean, nenos ou nenas en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia, persoas maiores que están soas e precisan apoio, persoas que por prexuízos só atopan barreiras cando buscan un traballo. Porque esa é tamén a realidade da nosa provincia, e iso é a Cruz Vermella: un lugar de encontro entre quen necesita axuda e quen pode dala, ben sexa facendo voluntariado, colaborando como socio/a ou participando puntualmente nas nosas actividades.

Estou seguro de que case todo o mundo ten relación coa Cruz Vermella nalgún momento da súa vida, ou coñece a persoas que forman parte dela. A todas elas, a todos vós... Feliz día da Cruz Vermella!

Te puede interesar