Opinión

Pontes do Avia

De entre os exercicios da escola hai un que lembro especialmente. Tratábase da realización dun debuxo artístico da Ponte San Clodio. Antes de iso, don Lucio, o noso mestre, acostumaba amosarnos algúns que fixeran alumnos de antano. E sempre recordo o fermosos que me parecían aqueles debuxos. Talvez desa experiencia veña o meu especial interese polas pontes. De feito, entre as investigacións históricas que máis satisfacción me levan dado están as das pontes, sobre todo as relacionadas coas do Avia: as miñas pontes da infancia. 

Tres son as grandes pontes do Avia: a de Ribadavia, a de San Clodio e a de Pazos; e a todas lles teño dedicado bastante do meu “ocio estudoso”, dito isto no sentido “erasmián”  da expresión. A de Ribadavia é a máis antiga: temos noticias dela desde principios do século XII, cando aparece referida como “Ponte do Burgo”; e a pesar das reformas posteriores, incluídas as desafortunadas do século XX, é un exemplo precioso de gran ponte medieval: a súa vista desde augas arriba, co barrio xudeu ó fondo e a torre de San Francisco á esquerda, continua sendo a postal máis típica de Ribadavia. A de San Clodio, cos seus tres grandes arcos, foi obra do mosteiro homónimo promovida polo abade Rodrigo de San Xes, bispo de Laodicea, a finais do século XV, e segue a considerarse marabilla artística da época. A de Pazos, que se supoñía medieval, é na realidade unha ponte do século XVIII, impulsada e pagada polos veciños de Lebosende, que tivo como mestre de obras a Carlos de Rivas, natural de San Salvador de Xirazga, na Terra de Montes; o seu arco maior, o único que perdura, é unha das ruínas máis fermosas e evocadoras de Galicia. Estas tres grandes pontes monumentais, todas anteriores a 1800 e repartidas en pouco máis de dez quilómetros de conca, constitúen un caso único en Galicia e unha das leccións máis claras sobre a importancia que acadou o Ribeiro de Avia no Antigo Réxime.

Pero hai outras dúas pontes importantes no Avia, as dúas do último cuarto do XIX: a ponte de ferro de Ribadavia, de estilo Eiffel, na liña de ferrocarril Ourense-Vigo, e a magnífica ponte de pedra da Esperela, construída cando se modificou o trazado orixinal da estrada Ribadavia-O Carballiño para facilitar o paso desta vía por Leiro, na que foron mestres canteiros os irmáns Cerviño, José e Pedro, de Aguasantas (Cotobade), primos do famoso escultor José Cerviño, artífice de obras tan admiradas como o cruceiro de Hío, a torre da igrexa de Beariz ou algúns pasos da Semana Santa de Cangas.

Tampouco podo esquecerme de dúas pontes máis sinxelas pero non exentas de encanto: a Ponte das Poldras e a Pasarela, as dúas en Leiro. A primeira é unha monumental ponte de poldras de trece piares que une o Campo da Feira de Leiro co Salgueiral de San Clodio, nunha paisaxe bucólica de gran beleza; foi construída arredor de 1850 para enlazar Leiro coa daquela nova estrada Ribadavia-O Carballiño, que cruzaba o Avia pola Ponte San Clodio e non pasaba por Leiro. A segunda é unha ponte peonil colgante que foi construída pouco despois do Cámping, a mediados dos sesenta, para facilitar o paso do centro de Leiro ó propio Cámping e zona de baños do Misieiro.

Desde os anos setenta ata agora construíronse seis pontes máis  sobre o Avia, aproveitando o invento do formigón pretensado, pero esquecendo algo fundamental: que nas pontes a dimensión estética resulta esencial, non basta con atender á funcionalidade. Como consecuencia, eses novos viaductos resultan vulgares. Tamén hai un par de pasarelas novas... Pero só as vellas pontes do Avia merecen a dedicatoria dun dos versos máis sublimes de J. Keats: «A thing of beauty is a joy for ever». Unha cousa fermosa é un gozo para sempre.

Te puede interesar