Opinión

A vinganza de Lilih

O Vello Milenario escribiu, en setembro do ano 2009, un artigo sobre a degradación da comarca da Limia. Pasaron catorce anos, tempo de abondo para que as Administracións tratasen de corrixir a desfeita que a “civilización” fixo nunha das comarcas máis fermosas de Galicia, pero nese tempo non se planificou nada, mais ben continuouse coa desfeita. Por iso o Vello Milenario considera que é o momento de espertar a memoria dos limiaos reiterando o denunciado.

Na loita pola supervivencia, o Homo sapiens, procurou asentarse naqueles territorios onde a natureza fora xenerosa. A benignidade do clima, a fertilidade da terra, a abundancia da auga, a frondosidade dos bosques, a existencia de outeiros, a accesibilidade ós minerais e, sobre todo, a abundancia de caza e pesca facían da Limia un paraíso. Tanta riqueza e beleza eran a dote que a Terra aportaba a unión coa humanidade. Compre entón preguntarse: ¿estaría o Edén bíblico nesta comarca? O seguro é que Lilith, considerada nos textos hebreos como a primeira muller da creación, négase a permanecer submisa e obediente e fuxe do paraíso rexeitando a unión con Adán, ocultándose nas profundidades da Lagoa de Antela. Os primeiros habitantes coñecíana cos nomes de Niniana ou Viviane; hai un falar que ven de antigo que di que foi mestre de Merlín e amante do rei Artur. 

No Paleolítico aséntanse os primeiros limiaos; no Neolítico, as palafitas bordean a lagoa e crean unha civilización lacustre, que se mantivo ata a invasión das lexións romanas. Os derradeiros restos desapareceron o desgraciado ano de 1958, cando un ignorante e cruel ditador ordenou a destrución deste milenario paraíso.

Dende entón, nunha diabólica planificación esquilmadora, destrutiva e implacable, a Limia vaise reconvertendo nunha sombra do seu pasado. As masas boscosas foron espoliadas, árbores centenarias sucumbiron abatidas polos bulldozers, en concentracións parcelarias irracionais e abrasivas. A auga sucumbiu domesticada pola irracionalidade humana. A terra, envelenada polos seus explotadores, sigue morrendo nunha lenta agonía. O clima, liberado do manto arbóreo que protexía a terra, tornase nun inimigo desapiadado e incontrolable. A chuvia, o vento, o sol, as regas abusivas, van desertizando a paisaxe, nunha progresión xeométrica que pronto acabará co manto orgánico que cubre superficialmente toda a chaira. As areeiras, as pistas, as explotacións intensivas, o monocultivo, os asentamentos humanos, as escombreiras, a contaminación das augas freáticas, a domesticación do río, convertido nunha canle, e a falla de conciencia colectiva fan da Limia un espectro do que foi no pasado. 

Esta chaira é rica en historia e lendas, desexada e admirada por conquistadores, regada co sangue dos seus fillos. Onte, invasións de romanos, suevos, árabes, franceses..., con violencia e morte; hoxe, froito da globalización, colonos, inmigrantes, homes e mulleres de todos os lugares de España, do estranxeiro, de vilas e pobos de Galicia, todos eles veñen atraídos polo son da campá da cidade de Antioquía. Quedan enfeitizados polo canto das ras que, desde unha extinción anunciada, croan pola súa supervivencia, mentres as lebres seguen correndo na imaxinación dos vellos cazadores, xa que en realidade foron exterminadas por desaprensivos depredadores que desfrutaron coa súa extinción. 

Patrimonio cultural destruído; pontes, miliarios, mámoas, menhires, palafitas... foron vítima de lumes dantescos nos que se consome a pedra e a historia. E os novos aluvións humanos, que non teñen a memoria xenética da terra, mestúranse cos descendentes dos antigos limiaos que, temerosos de esquecer a súa identidade, inmortalízana en pedras amestradas; figuras da pantalla, dos monolitos á lembranza colectiva dos heroes mortos impresa e amazocada en revistas, libros, CDs, Intentado que as vindeiras xeracións coñezan o que foi un vello paraíso que nunca volverá ser, pero que sempre será cantado por poetas e trobadores. E como colofón, a “modernidade” ameaza, o derradeiro símbolo dos sentimentos limiaos: o Entroido.

Te puede interesar