Opinión

Antón Tovar, o estigma dun comunista

Tovar amaba a Galicia e sobre todo a aldea da Pereira no Concello de Rairiz de Veiga, lugar do seu nacemento e paraíso da súa infancia. O seu mérito máis importante é que buscou a resposta ás inquedanzas que o consumían expresando a súa dor cunha beleza melancólica, e facíao desde unha agonía espiritual que compartía co seu admirado amigo Vicente Risco, sen que fora óbice o abismo que os separaba ideoloxicamente. A pesar de ser un convencido materialista, nunca superou a súa formación relixiosa, o que lle producía unha angustia vital e un temor á morte que o acompañou toda a súa vida. Sublimou o amor como derradeira saída do temor á nada; algo que reflicte na súa obra e que converteuno nun dos poetas más importantes en lingua galega, sen dúbida no mellor poeta intimista de Galicia do século XX.

Xa vello recibiu algunhas homenaxes, poucas e selectas; de todos xeitos insuficientes para a súa calidade como escritor. Non dubido da categoría e o prestixio dos homenaxeados ata a data de hoxe, pero atrévome a propor a Antón Tovar Bobillo como homenaxeado o Día das Letras Galegas do ano 2023. Transcorridos nesa data 19 anos do seu pasamento, ao meu xuízo cumpre con todas as condicións: calidade literaria, amor a Galicia, compromiso cos valores da terra, defensa das liberdades, loita pola democracia, defensor da lingua galega e fillo da comarca máis vinculada ao mundo rural.

O Vello Milenario viviu con Antón Tovar algunhas anécdotas que o fan recordar o carácter depresivo do poeta. Unha mañá, paseando pola rúa Antón, dirixiuse a Alberto Ferrer e de súpeto fíxolle a seguinte pregunta: “Se puideses elixir, que querías mellor, ir ao inferno ou desintegrarte na Nada?” Alberto, sen dubidar, contestou: “Prefiro a Nada, pensa que o inferno é como unha longa dor de moas e da Nada vimos e voltamos a ela”. O poeta quedou pensando e despois dun longo instante contestou: “Pero na Nada perdemos o EU”. Hoxe un banco no Parque de San Lázaro leva unha placa para que as futuras xeracións saiban onde un poeta intimista conversaba cos seus amigos antes de ir tomar un viño cun saboroso pincho na taberna do Archanda. Manolo Peña Rei é testemuña.

Te puede interesar