Opinión

"Arquitecturas” de Nuria Lago

Xa hai algúns anos que coñezo a Nuria Lago e en cada exposición podemos descubrir novos elementos que nos enchen de curiosidade. Seguindo as súas palabras “Vivo a arte coma un proceso de investigación permanente..”, podemos encontrar receptividade ademais de moitas emocións e sensacións. Para a artista cada espazo, situación e cada persoa e unha viaxe continua cara o descubrimento dun novo universo vital. Para ella, a arte constitúe un instrumento de maduración persoal e de recoñecemento das posibilidades que permiten conectar o seu espíritu co medio que a envolve e as circunstancias que a acompañan. Una saída a tantas cargas e problemas diarios había que plasmala na arte, que potencia en nós os valores que aínda existen nas persoas.

Nuria non permite que existan barreiras psicolóxicas entre o interior e o exterior. Bate forte neses muros etéreos que marxinan e separan. A estimulación sensorial para o espectador e para a artista potencia a atención para ser capaces de ver algo, onde semella non haber nada. A esencia da súa obra, despois de transitar pola pintura figurativa, deambula polas corredoiras do expresionismo abstracto, sendo quen de mergullarse en temas tan actuais como a capacidade de sobrevivir na adversidade. Por iso xurde o proxecto “Arquitecturas” no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde inclúe instalacións de video, esculturas e obras pictóricas nas que xustifica a necesidade vital desde una cosmovisión fundamentada na esperanza, na renovación e reconstrucción do ser humano. 

Na inauguración houbo tempo para parabenizar á Comisaria da Exposición, Alexandra R. Rey polo seu traballo e profesionalidade, ademais de dedicar agradecementos ao Centro Cultural da Deputación de Ourense ( representada polo Vicepresidente primeiro D. Rosendo L.Fernández) e a familiares e amigos. A artista tivo a iniciativa de fazer de guía de excepción por parte da obras expostas, para acabar visualizando un video con música de Puccini.

Despois de dúas décadas en exposicións conxuntas e individuais en moitos lugares, (na Fundación Vicente Risco e tamén no Liceo de Ourense) a artista non se conforma a unha técnica única, senón que sigue buscando novas posibilidades con instalacións, esculturas e pezas grandes, moi impactantes. Isto non deixa de chamar a atención a todos os que seguimos as súas obras. Porque en definitiva, a expresión do interior emana do corazón e ultrapasa prexuizos e estereotipos que nos bloquean e impiden que desenvolvamos a resiliencia que nos caracteriza. Que agora é máis necesaria que nunca, para tomar novas forzas e superar obstáculos que non nos permiten medrar. Este proxecto foi diseñado para o Centro Cultural e para o espazo que ocupa por iso é unha fermosura disfrutalo no contexto que foi concebido. Decía Soren Kierkegaard “Lo que me hace grande no es lo que me sucede, sino lo que hago con ello” e Nuria acaba de darnos unha exposición que nos conduce á reflexión e a acción.

(Dedico este artigo a Marcel, compañeiro e colaborador incansábel de Nuria Lago)

Te puede interesar