Opinión

A metamorfose de Nuria Lago: “ Crisálides”

Litografía de Nuria Lago
photo_camera Litografía de Nuria Lago

Dónde: Fundación Vicente Risco (Allariz)
Hasta cuándo: 21 de agosto
Horario: 20,00 horas

Desde que coñecín á artista Nuria Lago hai poucos anos, non deixa de sorprender a cantidade de exposicións que xa ten no seu haber. A primeira vez que a descubrín foi no Liceo de Ourense. Penso que daquela, ela tamén descubriu unha cidade de artistas, sendo a máis esquecida e maltratada da Galiza. Namorouse dela e aquí fixo algunhas amizades. Por iso, ademáis de ver a súas obras e disfrutar cadaquen ao seu xeito delas, podemos coñecela persoalmente. Chama a atención a súa condición de autodidacta. O que noutra hora sería adxectivo de menosprezo, hoxe é motivo de admiración ao ver os resultados nas pezas; mostrando así os seus coñecementos técnicos.

Nesta altura inaugurouse o día 27 deste mes de xuño de 2022, na Fundación Vicente Risco, a última aposta de Nuria Lago, baixo o título Crisálides. No discurso expositivo está presente a muller, que se enfronta ao mundo, e no que tivo “unha toma de consciencia..” do camiño a transitar, pero que aínda se está a preparar para ver, respirar e sobreviver na sociedade que a rodea. No percorrido podemos ver o fogar, no que residen sentimentos encontrados: de protección, de alegría, de cárcere, de opresión, de falta de liberdade. Tantas cousas que contemplar no sentir da muller! Unha peza destaca das demáis: a litografía.

Os tonos que se diversifican nunha estructura poligonal, manteñen o número 7 a modo de estabilidade emocional. As instalacións que Nuria introduce no seu conxunto global son unha interesante novidade que fai que ela mesma sexa esa Crisálide que non deixa de se transformar na bolboreta que quere ser. Vexo, por tanto, esa evolución transformadora na autora, que loita contra os arquetivos establecidos, e lograr alcanzar esa metamorfose, ou cambio de forma, se atendemos á etimoloxía. Explicar unha cor, definir un son ou compartir un sabor é algo no que os artistas participan a cotío, con xenerosidade. Expresan o que mana dos seus corazóns, e neste caso Nuria, non esqueceu a música, nen a palabra, nen a imaxe, nen a poesía. Lograr integrar todos eses elementos ten un inmenso valor engadido.

Ao carón da artista hai sempre persoas que nunca faltan. Son aquelas que, contemplando as obras da autora, escoitan con ansia o proceso creativo, as motivacións reales de por que as fixo, ou como ela mesma diría, de por que as transformou. As crisálides non piden permiso para nacer. As obras de Nuria tampouco. Esa é a razón da que Núria xa voe soa, entre nós.

Te puede interesar