Opinión

Opinión | O novo alcalde de Ourense

Se os medios de comunicación calasen e os periodistas non existisen, a información estaría sempre reservada para aqueles que queren gobernar para o pobo, pero sen o pobo. É por iso que despois de seguir a rolda de prensa do actual alcalde de Ourense non me queda outra que dar as grazas a todos os medios que estiveron alí presentes. A función de informar aos cidadáns de que o rexedor municipal pretende que as sospeitas das supostas escoitas ilegais poidan xustificar os audios públicos das súas conversas privadas é sinxela de analizar. E ten que ser en periodo pre-electoral cando se escoiten todas as cousas que haxa que escoitar, dado que as persoas temos unha memoria moi fráxil e os votantes serán sabios de dilucidar a realidade. A Fiscalía xa comezou a traballar para achegarnos á verdade.

Se os medios de comunicación calasen e os periodistas non existisen, a información estaría sempre reservada para aqueles que queren gobernar para o pobo, pero sen o pobo.

O novo alcalde de Ourense ten que ter unhas cualidades que non saen fora do que debera ser común. En primeiro lugar, debe ter un partido político, cunha estrutura orgánica sólida e eficiente. Esto é, que na metade da lexislatura non saian os seus concelleiros espantados do que nunca viron ou non quixeron ver. En segundo lugar, o alcalde ten que construír e manter as cousas que funcionan ben. Doutro xeito estaremos sempre empezando e será moi complicado avanzar. En terceiro lugar, o alcalde de Ourense ten que promocionar a cidade por eventos e cousas positivas. Ser noticia por esperpentos, rarezas ou anécdotas de repartir cartos a modo dun filántropo non teñen moito sentido para unha cidade fermosa, chea de historias, de escritores, artistas e poetas que sementaron as súas vida por ela e cunhas carencias esenciais que seguen sen resolución. O que comezou cun programa de humor nunha televisión local, hoxe é un pesadelo que está a demoler unha morea de actividades culturais e servizos sociais. E suma e segue. Porque as frases que antes nos facían risa agora revélannos que “para non opinar, o mellor é medir”. Pero o problema é que medir é tan complicado que os matemáticos temos que empregar tantos factores de corrección para minimizar os erros, que os resultados son case sempre aproximados. Non podemos reducir o todo a un feixe de “frases feitas” 

O rexedor municipal é unha autoridade que hai que respectar e de quen se espera recibir respecto.

Finalmente, o alcalde de Ourense debe ser unha persoa querida e respectada por todos. Con independencia das ideoloxías políticas, o representante dos cidadáns dun municipio ten que ser gardián da lingua e dos costumes dos seus. Ten que ser exemplo para os máis pequenos, para as mozas e mozos dos institutos e tamén para os universitarios. Porque hai moitas máis cousas que xestionar o diñeiro público con cordura, e sempre será un problema confundir os servizos públicos coa lexítima rendabilidade empresarial. O rexedor municipal é unha autoridade que hai que respectar e de quen se espera recibir respecto. Por todo iso penso que ninguén dará o “caxato de mando” nen o seu apoio ao que non teña estas cualidades. 

Te puede interesar