Opinión

O volcán ideolóxico

Espertou do seu letargo. Anos e anos de espera fixeron que moitos confiaran en que nunca habería de aparecer. O lume, o ruído atronador, os gases piroclásticos venenosos, a destrucción e o cambios da paisaxe á que todos xa estabamos afeitos. O volcán ideolóxico explotou coma o da illa da Palma. As causas poden estar ocultas no debacle dagúns e as loitas dos outros, porem os grupos extremistas agroman coma nos rancios tempos do pasado. As crises económica e sanitaria foron e son un bon caldo de cultivo para políticas populistas, veñan de onde veñan. A rebaixa da cualidade de vida na sociedade fai que grupos radicais prometan o que imposible de acadar para todos. O déficit ideolóxico e a mala xestión son un soporte publicitario moi potente para os que sobreviven latentes nas capas altas da sociedade. O diñeiro, verdadeira dinamo autoinducida, crea esas divisións e os máis poderosos, polo regular, son os máis radicais.

Nos anos da postguerra mundial saltaron as alarmas nos diferentes grupos ideolóxicos. E seguimos nas mesmas. As ideoloxías continúan a un ritmo máis pausado, pero nunca deixaron de existir coma algúns afirman. Forman unha parte intrínseca do ser humano e, en xeral, estiveron ao servizo da economía dalgún xeito. O que acontece é que algunhas son menos agresivas que outras, tentando achegarse aos máis necesitados, aos máis pobres. Con todo, hai quen segue a pensar que as discusións recollidas na “República” de Platón, son tan innecesarias como idílicas. E por ai vai o asunto. O desprezo por cultivar o pensamento, as humanidades e a filosofía reflíctese nos modelos ideolóxicos. O resultado pode ser un retroceso importante a arquetipos caducos que xa fracasaron.

As ideoloxías amóldanse aos novos tipos sociais. Se seguimos a historia do pensamento, observamos que despois de dedicar séculos á búsqueda do “Aprxi”, (principio das cousas), a filosofía optou por desenvolver a teoría do coñecemento. Así, cada época histórica aporta algo máis ao desenvolvemento do ser humano. Por iso temos que facer unha parada no plano espiritual do individuo, xa que segue sendo o apartado máis explotado e ao mesmo tempo, o máis descoidado.

O interior das persoas non se enche coas relixións. Comte afirmaba que era un estado ficticio que había que superar para pasar a outro estado abstracto e chegar ao científico. Son moitas as críticas que lle caeron ao iniciador do positivismo, pero hoxe podemos ver que das relixións non emanan os valores que tanto nos quixeron vender. Lembren vostedes que moitos se acadaban previo pago.

O volcán ideolóxico toma distintos camiños que van destruíndo as construcións existentes. Por outra parte, crea espazos novos coma a lava que chega ao mar na illa da Palma. Esa nova terra, que é tan boa coma as novas xerazóns, con ansias de transformar o mundo, de construir novas ideas e de acadar novos retos, poderemos ver se as ideoloxías extremas teñen algo que facer, ou pola contra, hanse ir extinguindo pouco a pouco coma a vela na palmatoria.

Te puede interesar