Opinión

Outras manifestacións do entroido: Os follateiros

follateiro
photo_camera follateiro

No entroido deste 2023, houbo moitas voces que afirmaban, con moito bombo, que este ano en Ourense teríamos a mellor das festas coñecidas. Por desgraza, o descoñecemento deste fenómeno ancestral, fai que algúns políticos pensen que poden mellorar a tradición e a ilusión de cada pobo, localidade, concello ou cidade. Non resulta extrano que algúns declinaran o convite ao desfile de Ourense, ou que outros fixesen a súa crítica persoal á iniciativa disparatada de centralizar a festa do entroido na capital ourensana.

Vivir o Entroido na provincia de Ourense é unha experiencia incríbel. Por moitos anos que viaxes a unha ou outra localidade, sempre topas novas manifestacións das tradicións ancestrais ou non tan tradicionais como puidesen parecer. Pero vaiamos por partes. Existen zonas nas que o entroido é tan espontáneo como enxebre. Estou a falar da zona de Bande, Entrimo, Muíños e Lobios. Este ano centrarei a atención en Grou (San Mamede). Cóntame a miña amiga Paz que Marta Delgado foi quen de dirixir un grupo de recuperación do traxe de follateiro. Tanto nas aldeas portuguesas de Outeiro e Parada como na zona de Lobios, tiñan por costume cubrir con follatos a roupa vella. A iniciativa de Marta tivo éxito ao seguir unha estratexia de integrar persoas que elaboraran os traxes e despois levalos á escola de Lobios, e ás localidades de Grou, Ganceiros ou Xendive. A idea partiu de testemuños orais como a súa avoa Carmen Álvarez, que lle contaba sen moito interés, de como se facía o traxe de folleteira aínda que ela, nunca o chegase a fazer. O traxe faise con todas as partes do millo e clases de grans de millo ( roxos, negros o amarelos) que decoran garabatas, cinturóns, máscaras de cartón e caxatos. As follas do millo cósense ao traxe ou péganse. Os carozos non se perden, pois forman parte da decoración do traxe. Pola parte portuguesa está Dorita (Guía de turismo e encargada do albergue) que colabora con Marta no interés de recuperar esta figura ancestral. Non queren que se perdan coma aconteceu cos “Curantoños” de Torneiros que eran moi parecidos aos cigarróns e hoxe serían de conexión entre a Alta e Baixa Limia. 

O colectivo Mira Xurés quixo recuperar a figura do follateiro e hai que destacar algo que é fundamental para achegarse a eles: o respeito que teñen cos visitantes, disfrazados ou non disfrazados. Todo o grupo de follateiras e follateiros( Marta, Paz, Rita, Mati, Andrés e J. Benito) que visitaron os pobos de A Cela, Puxeredo, Esperanto, San Paio, Reguendo, Prencibe, A Vila, San Martiño, A Portaxe, Ganceiros, Xendive e Grou ( onde leron as coplas), tiveron unha actuación de festa agarimosa e aberta a outras manifestacións do entroido. Destacarei as de Diego Veiga que para o baile do Dentón ( ou Cornecello) da súa Banda Moura, fixo unhas máscaras de pan moi fermosas.  Pois é que as tradicións comezan pola imaxinación das persoas e seguen no tempo. Algúns exemplos lucen con luz propia en Ourense capital e iso non é nada malo, ao contrario. O problema está cando confundimos o actual co tradicional, habendo lugar e espazo para todos.

Os follateiros xa teñen plan para continuar activos durante este ano, pois nas festas de San Miguel de Lobios, o 29 de setembro, van actuar como protagonistas. Lembrando o tempo da Respiga. Por iso hai que parabenizar aos organizadores e ao Concello por todas estas actividades que enriquecen a Fala e a Terra.

Te puede interesar