Opinión

Outro fin de curso

En poucos días, os que sempre opinan de todo, teñen unha nova oportunidade de ouro para criticar aos docentes que rematan este curso. Mentres o profesorado segue a loitar cos cambios necesarios na Lei Orgánica de Educación, os novos decretos son bos para satisfacer a uns e encomodar a outros. Pois o Pacto Educativo non chega nen chegará. Lembro que éste era un comentario habitual dun conselleiro de Educación do que xa ninguén se lembra. Xa saben vostedes, os que non deixan pegada nen na Terra, nen na Lingua, nen nas persoas. Pero son maioría os profesores que dedican as súas vidas ao ensino; e cada vez máis se estreitan as diferenzas entre a primaria e secundaria. Xa era hora que existise un corpo único e parece que se deron conta de que un altísimo tanto por cento de mestres levan anos preparándose e son licenciados en Pedagoxía, Psicoloxía, Psicopedagoxía ou en Ciencias.

Volvendo aos que sempre teñen tema para opinar, observo que nunca son conscientes de que meten a pata de seguido. O saber é inmenso e hoxe confúndese moitas veces, o ter unha base de datos, con posuír coñecemento dun asunto puntual. Hai 20 anos, cando un curso remataba, o colectivo do profesorado ficaba cheo de retos para preparar o vindeiro. O apoio de toda a comunicade educativa era unha garantía do seu bo facer. O descanso necesario, era moitas veces ( demasiadas) enriquecido polas Escolas de Verao dos Movementos de Renovación Pedagóxica coma Escola Viva, Rosa Sensat ou Comunidade Educativa. A formación continua non remataba nunca. Pero os tempos van mudando paseniño. Observo con preocupación que a desmotivación do profesorado ten a súa orixe na falta de valoración que esta sociedade ten do colectivo. Iso acontece porque non todos os membros da Comunidade educativa teñen a participación que deberan ter, e mentras unha lei orgánica lles quita as competencias, ven outra que de súpeto, llas concede. Estou a falar dos órganos colexiados coma os Consellos Escolares ou os Consellos Sociais de cada un dos centros. Este feito xenera unha desconfianza importante cara o profesorado por parte de nais e pais de alumnas e alumnos. Noutras Comunidades Autónomas existen escolas de pais. Nelas, as persoas aprenden a participar activamente e dun xeito enriquecedor nas escolas, institutos e centros de formación profesional. Algún día esa realidade chegará a nós. Quizais, se ten que vir da man do Pacto Educativo, nunca chegue, pero a esperanza é o último que debéramos perder.

O panorama educativo sigue en tela de xuízo neste pais. O que, en principio, puidese ser bo, é moi negativo cando ese debate se emprega para poder construír unha sociedade ao gusto dalgúns. O aporte de poder é importante se cando van gobernar, xa teñen a sociedade educada, ou mellor dito, aleccionada ( na súa acepción de amaestrar). E nesas seguimos. Poren noutros países a cousa non mellora moito. Ás veces pensamos que somos o piores, pero se comparamos o resultado educativo de cada sociedade, levamos moitas sorpresas ao constatar que o noso país goza de moitos valores, que outros xa perderon.

Outro curso chega ao fin e con el algúns marcharán e outros virán. Pero se permanecen as relacións humanas, os obxectivos estarán cumpridos e as competencias clave servirán de reserva para outros retos futuros que sempre chegan antes do esperado.

Dedico este artigo ao alumnado que este ano asistiu ás miñas aulas. Saúde e Terra.

Te puede interesar