Opinión

Salón de Actos José Luis Díaz Leyes

Entrada do homenaxeado ao salón de actos que xa leva o seu nome.
photo_camera Entrada do homenaxeado ao salón de actos que xa leva o seu nome.

O día 26 de xuño de 2023 aconteceu en Ourense o que tiña que acontecer. Despois de chegar a un acordo o claustro de profesores do IES Blanco Amor, o salón de actos do Instituto da Ponte xa ten nome propio: José Luis Díaz Leyes. Ese mesmo salón onde moitos mestres lembran que elexían o destino provisional, ou que algúns non esquecemos, como exalumnos do Blanco Amor, cando collíamos unha táboa para apoiar no asento e facer os exames de Bacharelato e COU, levará o nome do que foi director unha chea de anos. Non por iso, pola continuidade no tempo, foi mellor ou peor director. Todos din, con acerto, que soubo adiantarse a moitas inercias sociais, ademais de innovar nos servizos administrativos ao facultalos de recursos informáticos propios. Un docente exemplar dedicado ao alumnado e unha persoa integradora no seu centro de ensino.

Botei de menos que non se falara do cambio que sufriron os institutos nestes tempos. Non se asemellan nen no nome. Nen a lexislación, nen a sociedade é a mesma que cando nós estudábamos. Os profesores foron mudando pouco a pouco porén son poucos, como Díaz Leyes, os que entenderon a mensaxe de cambio. Por iso, cando vin a moitos dos profesores xubilados: Coscarón, Barja, Vicenta Sendín, M.ª do Carmo Enríquez, Benjamín Macía ou Julio Fernández (Clube Athlos) sinto que esa etapa na que os alumnos e alumnas ían ao instituto por vontade propia, xa é historia. Agora, que o ensino é obrigatorio, a motivación non é a mesma, nen os resultados son os mesmos, nen a convivencia é igual. Con todo, os logros de José Luis Díaz Leyes son froito da súa iniciativa pero tamén do acerto de elexir un equipo gañador. Non podo falar de todos os que o apoiaron, pero si podo dicir que Benjamín Macía foi clave no equipo directivo do IES Blanco co seu traballo silencioso e eficiente como secretario.

O acto foi moi concurrido e sen grandes ausencias. Foi presidido por Carlos Ferreiro (director do centro) e a conferencia “laudatio” foi pronunciada por Ángeles Castro, que tivo moitas loubanzas ao labor docente pero tamén á capacidade de “crear unha segunda casa no instituto”. As anécdotas máis salientables foi que ainda que avisou que non dominaba ben o galego, falou galego repetidas veces de forma espontánea. Falaron tamén unha exalumna, o representante dos pais e nais, dos servizos administrativos, do alumnado e o propio homenaxeado. Os discursos non resultaron empalagosos como puidera suceder noutras homenaxes. Tamén houbo sorpresas fora de programa, pois música de produción galega e de Jean Sibelius tamén estivo presente, interpretada no escenario ao piano, e que serviu de fío conductor de todo o acto.

As palabras que pronunciou Díaz Leyes foron de agradecemento a todos os que participaron na elaboración do acto. Cóntanme que son moitos os que conservan os seus apontamentos de matemáticas para non esquecer conceitos fundamentais nas Facultades de Ciencias. Pois era doado identificar a Leyes polos corredores (soábanlle as chaves) e no aula (nunca deixou caer o portatizas co que xogaba nos primeiros minutos), para escreber logo con moita pulcritude, os teoremas coas súas demostracións. Daqueles encerados cheos de números ninguén se esquece con facilidade. Os resultados avalan o seu traballo e móstranos o camiño de que é posible tamén, demostrar a produtividade no ensino. A mellor proba: cando os alumnos te queren.

O profesor Leyes acaba de escreber unha páxina na historia da educación desta cidade. Quizáis, moitos que non o coñezan lles resulte estraño, pero só teñen que ir descubrindo o seu traballo paseniño. Levarán unha grande e boa sorpresa: recoñecer a un profesor que logrou que os seus alumnos falen de matemáticas e que as entendan sen gran esforzo. Porque o primeiro para comprendelas é ter un grande profesor como José Luis Díaz Leyes.

Te puede interesar