Opinión

Cora Novoa: A DJ ourensana

Sempre procuro estar atento a novos compositores de diversos xéneros de música, sobre todo se son da terra da chispa. Os nosos, que sempre tiveron que agardar que a chispa alumeara no exterior, como é o caso de Los Suaves, Minimalia ou Silvia Alonso, agora son máis valorados e prezados na cidade que os viu nacer. Quizáis teñan que sofrir o desterro ou a emigración forzosa para que nos fixemos neles, rexeitando ao fin a idea de que todo o que ven de fora é o bo. Quizais teñamos que seguir loitando coa realidade de que ninguén é profeta na súa terra, quen sabe? Noutras comunidades próximas observo con perplexidade, como valoran aos artistas locais, e ao mesmo tempo, potencian o seu facer creador.

Por unha desas casualidades que a miúdo poden acontecer, na feira que se celebra cada primeiro domingo de mes na Praza Maior de Ourense, tiven a oportunidade de coñecer a un entusiasta do coleccionismo. En poucos minutos comentamos moitas cousas e ficamos para intercambiar material, ideas e experiencias. Aos poucos días, Toni, acompañado da súa inseparable Ros, cóntanme que son os pais de Cora Novoa, profesional da música e DJ (disc jockey). Despois de dúas horas dunha boa conversa, souben que non podía deixar pasar a oportunidade de coñecer o traballo de Cora. Entrei na súa web. Escoitei algún dos seus traballos e decateime que vive con intensidade o seu xénero musical, a música electrónica, dun modo especial. Non lles ten pasado de escoitar unha música coa que non teñen especial afinidade, e decatarse de que aquelo está ben feito? Eso foi o que me fixo escribir este pequeno artigo.

Cora, ademais de ter formación académica en música e estudos de informática, é unha autodidacta con tesón e dedicación. Demasiadas veces damos moito valor aos títulos universitarios, deixando de lado aos que crean con xenerosidade, e Cora afirma nunha entrevista de hai 3 anos, no xornal El País, que "o máis importante é ter intuición". Ela quere denominalo así, pero non é outra cousa que expresar o seu interior e encher de sensacións a todos os que se acheguen á súa obra. Con 21 anos, marchou a vivir a Berlín e aproveitou ben o tempo. Fixo xiras por Rusia e Francia e logrou vivir do seu traballo. Ademais ten unha produtora propia. Na actualidade reside en Barcelona. O seu pai Toni meteuna no mundo da música. Un melómano que ten curiosidade por todos os xéneros. Neso coincidimos. E desde hoxe podemos estar atentos a Cora Novoa dj, unha muller nun mundo de homes, que non tardará en chegar á nosa cidade chea de loubanzas de fora. En maio de 2015 presentou o seu traballo en Ourense, pero so puideron disfrutar 100 persoas do evento. Con todo Cora optou pola súa cidade, pola súa terra. Na entrevista que recollía La Región, Cora afirma que se ninguén loita por facer cousas na Galiza, acabarán por facerse noutros sitios. Así no mes de xuño, fechou por todo o alto, Ourenfest, no programa das festas de Ourense. Esperemos tela por aquí moitas veces.

Te puede interesar