Opinión

O DÍA DAS NOTAS

Moito ten mudado no sistema educativo ao longo das últimas tres décadas. Tantas variacións lexislativas no foron quen de modificar os currículos e continuamos repetindo ou secuenciando os contidos ao longo de toda a educación primaria. Este feito produce uns resultados negativos na formación global do alumno e, a través da guía dos libros de texto, anula a súa capacidade de síntesis e comprensión. A investigación dun tema está relegada a memorización (pura e dura) de todo o texto, no que se se lle quita unha soa palabra, vense todo abaixo coma se fose un castelo de naipes. Por se fose pouco, os curriculos non están baseados nas competencias básicas que son obxecto da avaliación, por iso saímos tan mal parados nos informes PISA e noutros que fai a propia administración educativa. Por poñer un só exemplo citarei a asignatura de Coñecemento do Medio, no que ano tras ano os alumnos e alumnas estudan o mesmo, pero eso sí 'máis cargado de bombo'. Os técnicos chámanlle a iso secuenciación, que creo que con esa palabra tan longa, que soa tan ben, queda xustificada calquera dúbida que pudieran ter o resto dos mortais.


Feita a introducción necesaria, direi que a avaliación é moito máis que poñer unha nota numérica ao proceso de aprendizaxe do alumno, que preocupa a case todos menos aos interesados. Tentarei explicarme. A capacidade de cada un dos discentes non pode expresarse nunha calificación que pretende puntuar un longo proceso de formación. Por iso a idea de calificar con: P.A. (progresa adecuadamente), ou N.M. (necesita mellorar) era moito máis acertada ca actual. O regreso ás calificacións tradicionais pode ter sentido na educación secundaria, ou na universidade, pero na educación primaria, onde hai que fomentar uns hábitos de estudo e formar integralmente ao individuo ao longo de máis de 6 anos, perde a súa esencia e resulta absurdo no seu plantexamento. Ao decirlle a un neno de primeiro de primaria que ten un 6 e que o seu compañeiro ten un 8, o neno queda igual que estaba. Non comprende a diferencia, e confeso que eu tampouco a entendo. Que é o que estou a valorar neses nenos de 6 aniños? Na maioría dos casos esas valoración mudan en días e noutros casos en anos.


O que sí está claro é que ao final da educación primaria teñen que estar capacitados para continuar e seguir adiante. Na realidade o fracaso escolar radica en que non somos capaces de atopar unha saída a aqueles que quedan descolgados do sistema, e non sirve dicer 'é que non queren estudar'. Penso que todos temos cualidades para facer algunha cousa, e todas as cousas son necesarias. Por iso o día das notas comeza a perder o sentido que debera ter en realidade. Saben vostedes que dentro da avaliación tamén hai que incluir a metodoloxía, a labor docente (tristemente cuestionada) e os recursos empregados? Aínda teño a esperanza de que todos os docentes (a pesar do descrédito social), siguen levando a bandeira da responsabilidade que sempre caracterizou ao colectivo. Para iso cada profesor revisa cada ano as súas técnicas de ensino, programacións e recursos, adaptándoas ás necesidades do grupo que ten. E como cada grupo é diferente, é todo un reto para o docente orientar a cada alumno para que poida acadar as competencias básicas que debe ter, ademáis dos obxectivos propostos.


O día das notas hai que velo como unha posta a punto dun proceso que sigue adiante. Desta maneira as comparacións, rivalidades, competividade e discriminacións ficaran nun apartado do pasado triste e inxusto, que so apreciaba e atendía aos que tiñan posibilidades económicas. Lembren que daquela, os porcos nacían con tres patas porque a cuarta sempre tiña outro dono.

Te puede interesar