Opinión

O ENIGMA ENCIGA

Decía un anuncio de televisión hai xa uns cantos anos: 'Dígaselo a su vecina?' e aínda que me lembro ben do producto, quédome co conceito e non co contido, como teño por costume. Porque está demostrado que en lugares pequenos, como pode ser a nosa Comunidade Autónoma, o boca a boca funciona mellor ca máis exitosa das estratrexias de publicidade que nos queiran encaixar. E deste xeito coñecín Enciga. Nunha das moitas conversas cos amigos e colegas matemáticos, descubrín o significado das siglas en cuestión, porque na nosa terra ourensana, cada un ao seu ritmo, seguimos convivindo na Esmorga que nos alenta a compartir eses intres de folgar e de deitarlle uns netos de viño.


Enciga é a asociación de ENsinantes de CIencias da GAliza, na que están incluidos biólogos, químicos, físicos, matemáticos e todos os que contribúen na investigación diso tan maravilloso que chamamos ciencia. Levan funcionando 26 anos sen interrupcións coa esperanza de chegar a todos os docentes que se interesan por innovar as súas técnicas de ensino, e por xenerar unha convivencia necesaria entre profesores e alumnos. E neste punto debemos pararnos, xa que os tempos mudaron e o mapa educativo tomou un rumbo distinto, xenerando inquedanzas entre o profesorado en xeral.


Desde hai máis de 20 anos, os ensinantes de ciencias da Galiza veñen asumindo un cambio imposto polo sistema educativo. Os institutos de antes xa non son os de agora e a idade dos alumnos de antes era diferente á idade coa que agora chegan. Nun principio os mestres asumiron este reto, pero no corpo da Secundaria (o máis castigado) tardou en achegarse ao alumnado, coa xusta complicidade necesaria, da que antes escaseaba. Por iso o enigma Enciga foi e é útil para o ensino na nosa Comunidade. No XXVI Congreso organizado por Benjamín Macía e José L. Leyes, no meu instituto o 'Eduardo Blanco Amor', no que estudei hai 30 anos, puiden atopar a outros exalumnos que agora se dedican á investigación e á docencia, cuns obxectivos claros de que a ciencia é para entender, difundir e empregar na mellora da calidade de vida de todos.


Nesta altura, as ponencias tanto de educación primaria, como de educación secundaria estaban ben dirixidas por profesores que convidaron aos seus alumnos e alumnas da ESO a apresentar proxectos e experiencias reais. Cousas tan simples como unhas caixas de cartón cheas de abelás con números escritos, foron de interés para os docentes ao comprobar que deste xeito os alumnos podían tocar e comprender mellor os números reais. Pero hai máis. Sen deslizarnos do rigor que ten que ter a ciencia, no citado congreso tamén houbo conferencias nas que se explicaron algúns dos proxectos que a nivel internacional tiveron e teñen moita relevancia. En concreto a conferencia que clausurou o congreso e que estivo a cargo de Teresa Fonseca, versou sobre o acelerador de partículas CERN ubicado na fronteira Franco-Suiza, perto de Ginebra. Teresa tamén foi alumna no 'Blanco Amor' e reflicte agradecemento a todos os que se ocuparon da súa formación inicial. No Congreso houbo unha lembranza especial para alguén que non tiven a sorte de coñecer e que nos deixou o 14 de agosto deste ano. Trátase da profesora da Universidade da Coruña Covadonga Blanco, experta en divulgar a matemática a través da papiroflexia e que colaborou con Enciga desde sempre. Para ela foi a nosa homenaxe.


Este relato estaría incompleto se non fixera referencia das visitas que se fixeron a Galiciencia, Hispamoldes ou Coren, da exposición InvestiGarte da Fundación Barrié ou das 64 comunicacións e obradorios programados. Por iso espero que cada vez sexa máis coñecida Enciga e o enigma das súas siglas sexa una incógnita do pasado. O mesmo que debemos lembrar para mellorar o futuro, sen repetir os erros de sempre. Parabéns aos organizadores e ao seu presidente Paulino Estévez Alonso por saber elexilos.

Te puede interesar