Opinión

O ESPÍRITU MUSICAL OURENSANO

Teño pena por ver os poucos artigos que nos últimos anos tratan sobre eventos musicais en Ourense. Algunhas das firmas históricas xa pasaron, e sen ánimo de ocupar o posto de ningunha delas, espero espertar interés en críticos e expertos na materia, para que sigan as pegadas doutros que nos precederon, entre eles Isidoro Guede ou Segundo Alvarado. Pero mentres seguimos nesas, permítan vostedes que lles fale nesta ocasión do último Certame de Rondallas e Corais, celebrado na nosa cidade baixo o nome de 'Santiago Apostolo'. A tradición musical de rondallas e corais na cidade das Burgas data de finais do século XIX, é dicer, hai máis de 120 anos. Sociedades como o Liceo de Ourense, o Orfeón, 'A Troya' ou o Ateneo, fomentaron e potenciaron estes grupos desde sempre, sen esquecernos doutras iniciativas como a Coral de Ruada, que perdura no tempo. E con esta tradición ao lombo, non sorprende que todos os participantes neste XII Certame, fosen de Ourense, salvo a Coral Polifónica do Souto, que visitounos desde Culleredo.


Como todos sabemos, Ourense, sendo pequeno en tamaño é grande en talentos. No luxoso e recén restaurado Salón Nobre do Liceo, tivo lugar o evento musical, e como case todos os vinculados á música, dalgún xeito nos coñecemos é moi difícil cumplir coa tarefa de comentar a participación de cada un deles desde unha obxectividade desexable. Por este motivo renunciarei a entrar en detalles técnicos, sempre aburridos e tediosos, e mirarei outros aspectos de interés. Das tres corais que competiron, e que interpretaban de modo obrigado a obra de Manuel de Dios titulada 'Xente ao lonxe', a gañadora foi a coral Cantares do Miño, creada en Velle no ano 1992. En xeral todas foron gañadoras porque ten moito mérito participar con poucas voces de xente nova. Esta segue a ser unha asignatura pendente na inmensa maioría destas agrupacións. Por este motivo penso que Manuel de Dios, en certo modo homenaxeado, foi moi inteligente ao introducir nestes coros guitarras e instrumentos de púa. Ademáis de afianzar e asegurar a afinación, acompañan ás voces e axudan á completa armonización das obras que se executan. Outro tema ben distinto é o empaste de todo o conxunto, que segundo o meu criterio, só chega a conseguilo a Rondalla Alecrín en algunhas das cantigas que interpreta. En canto á organización, só hai que dar parabéns, xa que eles mesmos se decataron que a eleción do local non foi á adecuada, e anunciaron que en vindeiras convocatorias xa teñen o Auditorio á súa disposición. Quizáis haxa que pensar en habilitar un transporte, para que os máis maiores non teñan que subir toda a costa a pé. Pero até o próximo ano terán tempo de entrar neses detalles.


Finalmente fago unha reflexión no deserto, coma diría o meu amigo Manuel Herminio, máis non podo deixar pasar esta oportunidade. Hai unha semana celebrouse o X Certame no Colexio Divino Maestro, ademáis doutros concertos dos 'Vellos Amigos de Manuel de Dios'. Os ourensanos que amamos a música botamos de menos que a Coral do Liceo, a Rondalla Alecrín, a Coral Cantares do Miño, a Agrupación Musical Airiños de Canedo, a Coral de Ruada, o Orfeón e outros que deixo no tinteiro sen esquecelos, ofrecesen todos xuntos un ciclo de concertos aberto a todos os ourensáns. É posible que houbese diferencias nos tempos pasados, pero xa debera chegar o momento de xuntarse e mostrar aos máis novos a riqueza cultural agachada en barrios, asociacións e sociedades. Estou seguro que para que esta cidade de a nota musical que a caracteriza, precisamos dunha semana anual en boa armonía e amizade musical. Neste sentido non podo nen quero esquecer aos incondicionais destes concertos. Aqueles profesores do Conservatorio de Ourense, hoxe todos eles xubilados, que pouco cobraban e que por vocación e dedicación, formaron a moitos dos que hoxe vivimos da música. Estou a falar de homes xenerosos coma D. Ángel Losada Nine, D. José María González ou D. Ángel Grande, que despois de deixar o Conservatorio atendíanos aos alumnos que o pedíamos na súa casa sen cobrar un peso. Para eles a miña homenaxe nunha tarde chea de emocións, entre amigos e bos afeccionados á música, coa alegría que nos enche o corazón de poder compartir algo do que os ourensáns levamos no corazón: a música.

Te puede interesar