Opinión

A FESTA DO COLECCIONISMO

Cada ano chega paseniño o tempo de expor as coleccións na sala cultural do Liceo de Ourense. Non se trata dunha exposición con grandes aspiracións, senón dun grupo de amigos asociados que levan neste asunto dende hai case 50 anos. Con todo, a exposición do San Martiño comezou en 1983 e até os anos 90 non tivo a continuidade desexada, que fai que estemos na vixésimo terceira edición. Ademáis do coleccionismo de selos (filatelia), hai temas moi variados que serán motivo de curiosidade a todos os que queiran achegarse entre os días 8 e 17 de novembro ao Liceo. Postais antigas, calendarios de bolsillo, billetes do mundo, medallas relixiosas, trofeos ou catálogos doutras edicións do San Martiño, sen esquecer as vitolas e a numismática, que serán dignamente expostas para todos os ourensanos que as queiran disfrutar.


A pesar de que os tempos non son os mellores para estas actividades, xa que escasean as subvencións e este ano pedirannos un donativo polo programa, o traballo altruista da comisión organizadora fai posible que, coa colaboración do Liceo de Ourense, outra edición comece con ilusión e novos proxectos. Entre eles está a novidade deste ano, que é que os alumnos de 6º A do CEIP 'Calvo Sotelo' do Carballiño presentan unha colección de monumentos do mundo baixo o título 'Memorias en pedra'.


Despois de moito traballo na escola nas horas de Atención Educativa, dirixidos polo seu profesor e por un membro da Sociedade Filatélica Miño, todas as familias quixeron doar a colección á Sociedade Filatélica para que comece un percorrido expositivo que botará a andar este venres día 8. O CEIP 'Calvo Sotelo' será o primeiro centro público que nestes 50 anos ten este xesto, porque o coleccionismo desenvolve uns valores que hai que experimentar, e que son positivos e enriquecen tanto aos que o practican como aos que con el se gozan.


Dentro das actividades propostas para estes dez días destacan a presentación de selos persoalizados, e a instalación dunha estafeta de Correos dedicada á emisión de material filatélico. Cos 140 cadros e paneis de numismática hai posibilidade de disfrutar dunha visita guiada polos autores das coleccións. Unha oportunidade de encontro no tempo do San Martiño, festa ourensana por excelencia.

Te puede interesar