Opinión

FILLOS DO OCÉANO

Nunha tarde calquera, con moito o pouco que facer e outro tanto que folgar, percorro as rúas da Auria de Blanco Amor e Marcos Valcárcel, de Risco e Otero, do Xocas... dos Nós; e ao enumerar os comercios fechados sinto que a tristura me transporta ao Ateneo de liberdade, expresión e pluralidade. Pero hai máis. Na Praza Maior visito a sala que non sei como chamarlle: se a banda de Moebius da Caixanova do finado Manuel Bermúdez, ou se a sala de Novacaixagalicia ou do novo banco, que tampouco sei se a manterá como tal sala de exposicións na que agora me atopo. Con todo, entro con perplexidade e fico moi sorprendido co proxecto de Javier Teniente, fotógrafo vigués de 43 anos, que mostra as diferentes artes de pesca ao longo dos cinco continentes.


Cunhas fotografías impresionantes, con lendas sucintas e precisas, o observador pode mergullarse nas artes ancestrais da pesca no mar. Un percorrido por Andalucía, Galiza, Portugal, Noruega, Madagascar, Senegal, República Dominicana, Nicaragua, México, Panamá, Brasil, Sri Lanka, Indonesia, Vietnan e a India, que destaca das demás polo seu colorido en Orissa e Kerala, é unha proposta de interés para todos os que queiran descubrir o que os Fillos do Océano nos queren mostrar.


Pois resulta que esta excelente exposición reflicte realidades sociais que axudarán a ampliar as nosas mentes ao indentificarnos co exemplo da nosa costa galega, onde no mesmo escenario conjúganos e mistúranse os verbos pescar e morrer. Pero a decadente figura do discípulo segue a crise que leva arrastrando desde hai moitos anos. Os coñecementos da pesca de baixura e das pesqueiras artesanáis están en perigo de ser esquecidos polos galegos. De tantos mariñeiros na negra emigración, á recepción de persoas doutros países que enchen os nosos barcos galegos, xa que os nosos mozos toman outros rumbos no mercado de traballo; temos moito por facer para dignificar unha profesion de risco e xenerosidade. Desde a riqueza que atopan no mar até á dureza que leva aos mariñeiros a sementar as súas vidas polos demáis, so atopo un precedente nun traballo fabuloso que no seu día tamén puidemos disfrutar, baixo o título de Mans Salgadas. E non é casualidade que tamén sexa do mesmo autor vigués: Javier Teniente. Por iso esta pequena reseña para animar a todos a disfrutar dun proxecto de gran valor.

Te puede interesar