Opinión

Galegos de Ourense

O pasado 9 de marzo foi un deses días longos no que hai moito que madrugar e aínda moito máis que vivir. Ao contrario do que acontece polas noites (cando alongas moito o traballo, quitándolle ao sono), ao alongar o día teño a sensación de vivir moito máis as actividades nas que un pode chegar a mergullarse. Así, despois dunha interesante mañá nun estudo de grabación, remato o día rodeado de amigas e amigos na presentación dun libro coordinado por Jesús de Juana e Julio Prada.
Nesta presentación á que me estou a referir, quero destacar o discurso distendido do actual presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar. No mesmo, axustado á extensión asimilable nun acto destas características, parecía improvisar nalgúns momentos, con claridade de ideas e sen os silencios habituais de non leer un texto previamente revisado. A música estivo a cargo de María do Ceo, acompañada á guitarra polo seu compañeiro Pepe. Interpretaron a cantiga da ourensanía, termo que xa vai collendo certa sona. Este concepto non se emprega coa lixereza doutros termos do pasado, nen serve como selo identitario dun arquetipo ideolóxico concreto.
Seguindo a política do Centro Cultural Marcos Valcárcel, no que todo o mundo ten boa acollida, a cultura enténdese como expresión duns sentimentos ou “manifestacións” dunha realidade persoal concreta. Cara o enriquecemento da nosa sociedade, o termo ourensanía aporta unha distinción especial, que nalgúns casos excede ao nacer en Ourense, mentras que noutros casos aporta un plus ao estar vinculado á terra das Burgas. Penso que se alguén formulase a definición de ourensanía, chegaría tarde e resultaría imposible asimilala doutra forma da que xa coñecemos.
Sempre se dixo que non había segundas partes boas, mais os cinéfilos falan dalgunhas excepcións. Por iso este segundo volume de “Galegos de Ourense”, que formará parte dunha triloxía, merece unha consideración especial á selección de personaxes que fixeron a súa aportación cultural ao universo ourensano.

Te puede interesar