Opinión

LAS MAESTRAS DE LA REPÚBLICA

Como o gume dun eco, chegan até nós testemuñas imarcesibeis, que petan forte nas nosas mentes e tamén nos corazóns. Relatos, cartas, artigos en xornais que só existen nas hemerotecas (e algún día existiron), fan que lembremos a cara amábel da II República e a súa forte aposta pola educación e a cultura, ao achegala aos máis pobres, aos illados das cidades e afundidos na ignorancia e no analfabetismo, foi un dos máis grandes obxectivos que o Goberno da República puido ofrecer como alternativa ao goberno absoluto e ao poder da Igrexa oficial do momento. Baixo unha constitución que outorgaba igualdade a homes e mulleres, a cidadanía civil e política sen restriccións de sexos, posibilitaba o exercicio da liberdade nun ámbito público, que antes estaba reservado só para os homes. Neste punto aparece a dignificación da figuras dos mestres e en especial das mestras.


Pode sorprender o enunciado en castellano 'Las maestras de la República', pero este é o título da longametraxe documental que a Fete-UGT elaborou con Transit Producciones. Baixo a dirección e guión de Pilar Pérez Solano, con música de Carlos Salas, neste ano 2013, a Federación de Traballadores do Ensino da UGT quixo homenaxear ás mestras que sementaron as súas vidas en construir unha sociedade máis xusta e máis libre, no fundamento duns valores que descansaban na solidariedade humana. A labor das mestras foi curta no tempo?, xa logo chegou a sinrazón; mais non por iso ficaron no esquecemento. O grado de influencia nos nenos e nas nenas foi tan espectacular que a documentación histórica reflicte o feito de que ninguén ficou insensible. Na guerra, as mestras seguiron a docencia nos cárceres, e as que non foron fusiladas ou paseadas, continuaron no exilio ofrecendo a súa xenerosidade aos demáis. Penso que a Fete-UGT fixo ben en pensar neste film, ofrecendo as experiencias e testemuñas destas mestras. Desde que comezou a renovación interna que anunciei noutro artigo titulado 'esclavos satisfeitos', a Fete está dando pasos de xigante en moitos asuntos referidos á educación no noso país. Por este motivo o Movemento de Renovación Pedagóxica 'Escola Viva' tamén está a participar nesta presentación, reivindicando unha educación pública, laica e de calidade, a través desta iniciativa e desde a Plataforma do Ensino; por que esta educación está baseada nos mesmos principios polos que loitaron as mestras da República: a liberdade e a igualdade. Daquela a Fete-UGT ten programado para o día 17 deste mes de Nadal, na sala de tertulias do Liceo de Ourense a proxección deste fabuloso documental, e contarán coa presenza dos promotores do film. Unha oportunidade de ouro para poder debatir unha época educativa de moito interés, nestes días en que non existe un diálogo e se nos impón outra nova Lei Orgánica, a LOMCE, que nace condeada a que outra maioría parlamentaria a derogue. O profesorado xa case non ten soños, porque convive cos continuos pesadelos que o asfixian, con todo, algúns aínda loitamos coa esperanza de que esa loita dialéctica nos conduza ao lonxano consenso que a sociedade precisa. Outras utopías maiores xa se cumpriron.

Te puede interesar