Opinión

MARCOS VALCÁRCEL NA LEMBRANZA

Supoño que me leva o corazón e non a razón do evento lembrar a Marcos Valcarcel no segundo ano do seu pasamento. Porque sen poñerme rubio podo dicer con certeza que os que xa pasaron por esta terra, e pertencen á terra, non precisan dos nosos rezos, súplicas ou intercesións. E aconteceu no 2010, un día antes da ponte da Constitución, que Marcos nos deixou tantas cousas para falar, lembrar e disfrutar, que poucas fican para chorar a ausencia que nos bate na sombra. Esa negra sombra coa que cada galego e galega sempre souperon convivir e coa que nunca poderán estar afeitos. E dentro desas cousas pequenas ou grandes, costosas ou de balde, topei a única dedicatoria que teño del nun folleto da sección de literatura do Liceo de Ourense (a súa casa), celebrando o seu VI aniversario. Trátase dun artigo do 21 de xuño de 2007 titulado 'Ourense: o divino roteiro', publicado no tamen desaparecido Galiza Hoxe. Desde xa estará no 'Recuncho de Carnicero' cun enlace para descargar en formato pdf. Este leuse no pregón da Feira do Libro dese ano, e chama a atención o roteiro que fai pola cidade cun Carlos Casares sempre presente na súa vida e ausente no corpo coma Virxilio para Dante ou Añón para Curros.


Por esta razón, sempre que quero lembrar a Marcos convídoo á miña investigación, lendo os seus escritos e aprendendo do seu pan, que con xenerosidade nos agasallaba nas páxinas deste xornal. E a miña maior homenaxe está composta dunhas notas en modo menor, que pasando por un ritmo de muiñeira en modo maior ao fin atopan a súa esperanza na modulación final. Algún día haberá que poñelo na rede?


Tamén repaso algúns intres con amigos de Marcos e remexo as fotos inéditas da miña colección de galegos ilustres. Vexo que nestes poucos anos moitos marcharon tamén con el: Pepe Trebolle, Benito Losada, J.A. Fidalgo Santamariña, pero todos eles ofreceron a toda a cultura galega e a todos nós unha herdanza que ninguén nos poderá roubar: o amor pola lingua e a hermandade dos galegos. Porque somos irmaos galegos pola lingua, que algúns odian e non deixan medrar, mais Ourense seguirá a ser un referente cultural nun espazo no que Marcos xa ten edificio co seu nome e apelidos, a proposta do amigo Piñeiro.


Dise que o patrimonio inmaterial aínda estamos a tempo de rescatalo. Que non se esgotará se nos ocupamos de protexelo e valoralo, e nestes tempos nos que todo é máis impersoal ca nunca, veñen frases de Marcos á miña mente nas que o valor da amizade sobrepasa todo o imaxinable. Nesta pequena lembranza seguen pendentes de reedición parte dos seus libros esgotados, como a súa tese sobre a prensa en Ourense, que agora en tempos de crise faise imprescindible. A razón?, mostra a pluralidade que houbo noutros tempos nos que aprenderan a pensar e por tanto a decidir?, sempre en Auria.

Te puede interesar