Opinión

Marcos Valcárcel: 
Sempre

Neste mes de Nadal cúmplese o 4º aniversario do pasamento do amigo Marcos Valcárcel. Como teño por costume cada ano, quero lembrarlle aos máis novos, e aqueles que non tiveron a sorte de coñecelo, que lean os seus libros e descubran nas hemerotecas os seus artigos publicados no xornal La Región. Na sección de opinión da web www.laregion.es podemos atopar con facilidade un bo feixe deles, esto é, os que se publicaron desde o 26 de novembro de 2007. Poren hai moitos máis. Marcos comezou coa sección “Pan por pan” o 1 de novembro de 2001, ao mesmo tempo que iniciaba a súa experiencia como director da Sección de Literatura do Liceo de Ourense, suplindo a falta do seu admirado amigo Carlos Casares. Para elo acertou en formar un equipo no que estaban Delfín Caseiro, Teresa Devesa e Isabel García, apoiados por unha morea de amigos. Esta iniciativa aínda perdura no tempo e no espazo do Liceo, e a clave do éxito está asociada a que sempre estivo aberta a todos os amantes e aficionados deste arte, fosen ou non socios. Grazas a iso, moitos pasaron a formar parte da familia dos liceistas e animaron a outros a aportar o seu saber literario e creador para divulgar e enriquecer as nosas letras.

Sempre que me piden participar na presentación dalgún libro, lembro a Marcos coas miñas composicións. Comezamos coa peza titulada “Na lembranza”, e até aqueles que non chegaron a desfrutar das súas conferencias e das súas conversas, chegan a percibir que o modo menor no que se asenta a tonalidade declama a especial sensibilidade que arroupaba a personalidade de Marcos. Este sentimento demasiadas veces transformábase en timidez no seu caso, pero outras veces no talento que mostraba nas súas disertacións. O calendario marca catro anos de ausencias, lembranzas e homenaxes por parte dos amigos que de verdade o quixeron, e que se suman nun libro de artigos e imaxes que xa é difícil de atopar. Pero a pesar de que os tempos mudaron a sociedade que lle tocou vivir a Marcos, hai moitas cousas que seguen tan enquistadas como cando el nos deixou. Non imaxino un ámbito cultural incólume e tan pulcro, no que cando alguén destaca polo seu facer creador, non teña algúns detractores cheos de envexa, que tenten botar por terra os méritos avalados polo traballo e polos demais. Con todo tipo de maledicencias sen medida, pretenden estes individuos devaluar a un artista das letras (neste caso), para pretender acadar postos e cargos de responsabilidade. Son seres incapaces de chegar a metas tan altas e dignas de encomio, como o posuir unha cadeira na Real Academia Galega. Inútiles “chupatintas” con facianas pertrechadas dun constante xesto despectivo, que mudan de criterio segundo ven o vento das mañás e se revolcan no cieno dos seus fatuos argumentos. A estes, Marcos tíñaos identificados mais non lles facía caso ningún. Hoxe son de certa utilidade, pois sen querelo, non deixan de falar del, evitando o inxusto esquecemento, que sería moito peor. 

Nestas datas de Nadal, lembro con morriña a Marcos un ano máis, na nosa Auria que tanto amou.

Te puede interesar