Opinión

NO FINAL DO VERAO

Aconteceu esta semana. Xa que os días son moito máis curtos e a calor comeza a remitir hai que aproveitar máis o tempo de lecer e buscar actividades alternativas perto da casa. Por iso, xunto co meu amigo Tomás de Novoa, tomamos rumbo a Cangas. O motivo principal é visitar a décima exposición da Sociedade Filatélica e Numismatica Canguesa, que este ano dedica a atención aos músicos da zona. En demasiadas ocasións descoidamos o que temos á porta da casa. Teñen que vir de lonxe e decirnos que estamos rodeados de talentos ou mesmo de xenios, pero quen saben se os de Cangas comezan a darnos unha lección maxistral para seguir o seu exemplo.


A inauguración da exposición foi o día 24 de agosto, e aínda que gostariamos estar presentes, estamos satisfeitos de acordar a tempo e non perder a oportunidade de disfrutar das boas coleccións que alí se apresentan. De certo que o entorno e a Capela do Hospital no que está ubicada a exposición é todo un luxo, ademáis de estar moi próxima a todos os que queiran ir. En canto ao contido, quero destacar as coleccións tituladas 'Música e Baile', 'A música no correo portugués', 'Compositores e instrumentos', 'Coa música a outra parte', 'Compositores e músicos do romanticismo' e 'Arte e comunicación da música', xa que o resto das coleccións estaban adicadas a outros temas como arquitectura ou a historia da filatelia da sociedade de Cangas. Tivemos a oportunidade de coñecer a algún dos coleccionistas e Tomás (monitor nacional de filatelia) fai comentarios de interés coa finalidade de mellorar a presentación das pezas expostas. Desde estas liñas os meus parabens aos organizadores, cos que colabora o Concello, a Deputación e a Federación Galega de Sociedades Filatélicas.


Antes de volver para Ourense un bo chapuzón na praia do corazón do Morrazo, porque os días xa son cortos, e coa excusa de ver a exposición, aínda queda tempo para disfrutar un chisco cos amigos que alí atopamos tomando unhas cañas.


En fin, unha tarde intensa chea de conversas de interés, de proxectos por emprender e de moito que compartir con aqueles que saben máis ca un. Dese xeito calquera pode perdoalle ao verao que vaia chegando ao solpor.

Te puede interesar