Opinión

NOVO CONCERTO NO LICEO

Despois dun día repentinamente caluroso, teño a oportunidade de disfrutar dun concerto da Banda Municipal de Ourense, dirixida por Francisco Pérez, no entorno especial do Pazo dos Oca Valladares. O patio de columnas, de especial beleza, acolle desde hai anos a este grupo de músicos profesionais, co agradecemento que supón disfrutar do seu facer musical. Nesta tarde do xoves temos un programa cunha primeira parte ben escollida para o público que de xeito maioritario se achega a estes concertos.


E sempre acontece o mesmo. As necesidades propias dos instrumentos de vento-metal, fan que os músicos ademáis de afinar teñan que tocar antes do concerto para quentalos até a temperatura axeitada. Despois da preparación ven a amabel presentación de Juan Fonseca, que sempre ten unhas palabras cálidas e precisas. Tan cálidas coma o comenzo da primeira peza, 'Suspiros de España', ben matizada e coidando os fraseos con especial atención ás partes máis delicadas, como son as cadencias finais. No repertorio sigue unha obra coñecida de Offenbach, que se difumina co seu título holandés 'Orpheus in the Ondewereld' (Orfeo nos Infernos), ópera bufona de dous actos que todos recoñecen como o 'can can', e que Camille Saint Saens empregaría para as tartarugas do seu 'Entroido dos animais'. E a festa parece non rematar, xa que seguimos con 'Tannhäuser' de Wagner, 'A lenda do beso' de Soutullo e Vert e unha segunda parte fresquiña bordada cun clásico pasodobre que arrinca os aplausos dos máis de 200 asistentes, afeizoados e amantes da música de banda, que de seguro ten moito futuro entre nós os ourensáns, pois sabemos apreciar e emocionarnos con este xénero esquecido por moitos, que contén moitas dificuldades ao carecer de instrumentos de corda frotada, pulsada ou percutida. Parabens a todos os músicos, ao director e aos que fan posible que poidamos compartir tantas sensacións xuntas en tan pouco tempo.

Te puede interesar