Opinión

PARADA DE SIL: LUGAR DE ENCONTROS

Este sábado pasado houbo no Concello de Parada de Sil un concerto organizado polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. O entorno do mosteiro de Santa Cristina foi o elexido para esta serie de concertos de música do Renacemento e música antiga (próximamente o día 2 de novembro). Pero o curioso desta experiencia, ao modo das misións pedagóxicas do ano 1931, é que a cultura encha os lugares esquecidos e perdidos da nosa provincia. Supoño que o feito de que contemos co Románico rural máis concentrado de toda Europa, non pasou de puntiñas pola mente dos organizadores e promotores do turismo na Ribeira Sacra, poren o feito de conxuntalo co patrimonio musical da man de Vox Stellare e Vox Organalis, é froito de meses de estudo e maduración de ideas. Chegados a esta primeira tempada de concertos 2013, había dalgún xeito que asegurar o auditorio, xa que sen el, ou sexa sen xente que o acolla, todo podería ficar nun soño e despertar na triste realidade galega do abandono do rural. Por iso hai que felicitar aos responsables do Consorcio de elexir o Concello de Parada de Sil, do que é alcalde Paco Magide.


Cuns precios populares e coa facilidade de desprazarse ao mosteiro en microbús desde Parada, que facía viaxes cada cuarto de hora, veciños, amigos e amantes da música puidemos disfrutar dunha tarde fantástica na que había moitas sorpresas. A primeira é que tiñan preparada unha exposición de fotografía na Casa do Concello, mentres agradábamos polo bus. Logo soubemos que xa se superaban as 150 persoas do aforo e que se nos rogaba que os veciños fosen os primeiros en ocupar as cadeiras no concerto. Non houbo problema ningún, pero nese momento sentínme abraiado polo coidado do alcalde cara os seus veciños, e orgulloso de que se pensase primeiro neles. No remate do concerto, con obras dos cancioneiros de Palacio e Uppsala, ademáis de autores como Tomás L. de Victoria e Francisco Guerrero entre outros, pasáronnos ao claustro exterior, no que se fixo o conxuro da queimada, e con orden e moderación, todos puidemos probar a brebaxe e botar uns risos; até uns morcegos acompañaron a festa. Por iso sempre vale a pena visitar Parada de Sil, ao estar motivado que os seus veciños respondan ás actividades propostas desde o Concello, ou outras institucións que se fixan nel, deste xeito.


Finalmente, unhas palabras para o alcalde de Parada de Sil, que conseguiu que todos nos fixáramos no seu concello e nas súas xentes maravilloras. Porque Paco Magide foi e sigue sendo a persoa axeitada para revindicar a riqueza do rural galego. Toda unha vida dedicada á defensa dos dereitos dos que menos posibles teñen, pero que tanto valen!, e que poucos saben deles. A traxectoria vital de Magide chega ao seu máximo expoñente neste posto de responsabilidade, que demostra que aínda hai políticos dignos que cumpren os seus compromisos e que velan porque as nosas aldeas galegas sexan visibles e apreciadas. Ao seu carón, a súa dona Chelo, profesora de ensino secundario, que sempre se lle ve con el, axudando e apoiando en silencio todo o que fai. Por todo esto e tantas cousas máis, os meus parabéns á Alcaldía de Parada de Sil e aos seus veciños.

Te puede interesar