Opinión

POLÍTICAS EDUCATIVAS AGRESIVAS

Neste tempo de escasez no que algúns tentan sobrevivir, outros prentenden facer caixa. É curioso ver como algúns 'chiringuitos' de mercar e vender ouro, xa fecharon até a próxima crise, e os directores de caixas que ofertaban 'participacións preferentes' acolléronse á xubilación anticipada. A corrupción podemos atopala en moitos sectores da sociedade, e ainda que por un tempo pasou de puntiñas, ou facendo ruído, tanto ten, agora cobran pequenas consecuencias previstas na lei, que os cidadáns non entenden.


E este medio, rancio e putrefacto polo diñeiro expoliado, está presente en sectores esenciais para a sociedade, que sofren recortes brutais, sen razón. Estou a falar da sanidade e da educación, pilares básicos para construir a existencia e a convivencia. Coas políticas agresivas que se ceban nestes colectivos temos cada vez máis dificultades en manter a calidade dos servizos públicos, que con anos de esforzo fomos capaces de conseguir. O conxunto de profesionais que se ocupan destes traballos, por vocación, loitan cada día por manter a calidade destes servizos. Por esta razón, a maioría dos cidadáns non chega a percibir os recortes económicos que sofren, e polos que a miúdo, protestan con enerxía polas rúas.


Se nos centramos na educación, a lei que ven de camiño ten trazas de quebrar a convivencia nos centros; proba diso é que a Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa 4/2011 do 30 de xuño, xa ten un borrador cun decreto de desenvolvemento a nivel galego. Por fin seremos os primeiros en prever o que se nos ven encima! A comunidade educativa é algo máis que alumnos e profesores, por iso existe o Consello Escolar. Como órgano colegiado governa os centros de ensino e está composto por pezas tan fundamentais como a figura dos pais, o persoal non docente e o Concello no que esta ubicado o centro. A figura da dirección, órgano unipersoal, pasará agora, coa nova lei, a ter as funcións que tiña o Consello Escolar. Esto é motivo de preocupación nos centros e afectará á convivencia dos corpos de primaria e secundaria. Pero hai máis cousas. A discriminación ao alumnado transportado, que ten que pagar o comedor, perde un dereito que anos atrás tiña adquirido, polo feito de que a administración non lle ofertaba unha escola perto da súa casa, e tiña que xantar nela. Agora, moitos pais non poden asumir esta situación, e con estes casos conviven os mestres e profesores a diario.


Nos recortes tamén están implicados os profesores. Cada vez son menos e con máis traballos. De momento, poucos alumnos están a notar esa falta porque outra vez a vocación está funcionando a pleno rendimento e os mestres de primaria que atenden ao transporte escolar, que se lle prohibe xantar no comedor pagando o custe da comida, que se lles incrementou as horas de docencia e que cobran as pagas extraordinarias cunha rebaixa do 40 %, seguen adiante sufrindo eles sós as carencias económicas, para que eses nenos e nenas teñan a oportunidade que merecen, por ser nenos. O Governo dí que o gasto en educación é moi alto. Outros antes ca min xa contestaron a esas políticas represoras que o que queren é crear mansos analfabetos que obedezan 'á voz do amo'. Seres humanos sen criterio, que non pensen e que so se movan segundo conveña aos intereses dos máis ricos. Quédome coa frase de Derek Bok, que presidiu a Universidade de Harvard e que dicía: 'Se vostede pensa que a educación é cara, probe coa ignorancia'. O valor da educación non ten prezo se somos conscientes de que está en xogo.

Te puede interesar