Opinión

A PROPÓSITO DE MARCOS VALCÁRCEL

Nesta terceira ocasión quero traer á memoria dos máis novos a figura de Marcos Valcárcel. Xa van por diante tres anos da data do seu pasamento, e remexendo nas fotografías topeino nunha desas instantáneas feitas con espontaneidade. O motivo era un dos moitos recitais que faciamos no Liceo de Ourense, xunto con Conchita Camiña e José Manuel Pose Mesura (que tamén marchou). Cando miro a fotografía achéganse á miña mente sensacións positivas, xunto co meu agradecemento sinceiro a todos aqueles que, coma Marcos, facían actividades para enriquecer aos demáis.


Sempre lle ouvín dicer que eran minoritarias, pero cando estivemos na súa homenaxe no Salón Nobre do Liceo, penso que se decatou que eramos moitos os que podiamos aprezar o seu fazer creador ao longo dos tempos, e por esta razón o Centro Cultural da Deputación de Ourense mereceu levar o seu nome para lembranza das xerazóns vindeiras. Xerazóns que terán que loitar contra unha enfermidade agresiva chamada privatización, xa que parece que a cultura xenera un déficit que non queremos asumir.


Pode ser que a paralización da economía en xeral teña a culpa diso, mais quero lembrar que os esforzos que se fixeron para adquirir o Centro Cultural da Deputación (casa aberta a todos os ourensáns) non poden ficar no esquecemento. Por iso, aínda que descoñecemos en que termos será a privatización do Centro Marcos Valcárcel, o propio termo 'privatizar' non agrada a case ninguén que se dedica a difundir a cultura sen ánimo de lucro.


Paradóxicamente hai que sinalar que a mesma cultura non resulta gratuita. O traballo dun artista é inmenso, e en poucas ocasións paramos a pensar o que supón parir unha publicación, montar unha exposición ou facer unha composición musical. Desde o ámbito privado, como é o Liceo de Ourense, Marcos Valcárcel foi quen de por en valor aos artistas, ou aos mestres da literatura, sen crear unha sección elitista no seu senso máis negativo, e á vista delo esperemos que todo mude na Deputación da mellor forma. Nesta terceira ocasión que falo de Marcos Valcárcel quero destacar a súa xenerosidade, que sigue viva no Centro Cultural da Deputación, para que continúe adiante ao longo de moitos anos ese espíritu de acollernos e valorarnos, sempre en Auria.

Te puede interesar