Opinión

RESONET NOSTRA DOMINO CATERVA

Descubrín hai vintetrés anos a música medieval nun curso organizado pola Sociedade Económica de Amigos do País, no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela. Era un reto máis na vida dun estudante curioso e tiven a sorte de coñecer a Fernando Reyes. Xa daquela prometía o xoven laudista. Pero todo esto ven a conto porque desde 1990 Fernando dirixe o grupo de música antiga Resonet (nome tomado da cantiga que titula este artigo e que ven a decir 'que resoe o noso grupo'). Toda a semana do final de agosto estiveron de xeira polos concellos de Allariz, Xunqueira de Ambía, Celanova e Maceda, deleitando a todos os que puidemos asistir a algún deses concertos, cun programa cheo de matices e cargado de expresións que fan que nos transportemos en poucos minutos, aos tempos do medievo.


Sempre dixen que coñecer aos músicos antes de escoitar como executan unha partitura é unha sorte. Porque a música é moito máis cunha linguaxe de comunicación, e en concreto a música medieval ao expresar os sentimentos do medievo, coas 'Cantigas de Santa María' de Alfonso X, ou as do Códice Calixtino, as dos trovadores Meendinho, Joan de Cangas, entre outras, son unha viaxe no tempo ao máis fondo sentir do pasado, cando o espíritu dos intérpretes está disposto a dalo todo. Pois ben, coñecendo ao director sabes que iso vai acontecer. Con todo, vivimos de espaldas deste patrimonio galego que sigue oculto a maioría das persoas. Estes documentos musicais son únicos en Europa e sobrevivimos á 'estupidez' de ignoralos, case sen saber como. Nos conservatorios pasan de esta música porque non está establecida nos curriculos e os governos, por diversas motivos, parece non lles importar nada o valor incalculable que teñen. En resumo, a nosa sociedade galega está a perder un achegamento á súa idiosincrasia máis auténtica, e a perderse nunha deriva sen precedentes.


Entrando en detalles quero felicitar ao director e ao seu grupo vocal e instrumental. Sen pretensións de ser xuiz coa miña opinión, gostaría que se coidase máis a percusión, tan importante na Idade Media. Botei en falla máis pandeiretas e sonaxas, no acompañar das cantigas, sobor de todo nas introduccións aos elementos vocálicos. Outras pezas como 'Da que Deus m'amou', habitual no repertorio de Resonet, soou nun aire ou movemento excesivo. Fora diso, hai que destacar as voces novas (sobre todo a do contratenor), do grupo de estudantes da profesora Mercedes Hernández (solista). E o mellor de todo foi a empatía coa que conectaron co numeroso público que asistiu para disfrutar das chirimías, zanfona, frautas e gaitas. Se con estos concertos somos capaces de fazer rexurdir o noso potencial cultural e patrimonio musical que posuimos, podemos tamén estar satisfeitos da Fundación Risco, que os promove. Cóntanme que xa están coa programación do próximo ano, polo que haberá que estar atentos ao anuncio na web www.resonet.es e á da propia Fundación.

Te puede interesar