Opinión

Unha tarde con Rivada

Esta pasada semana inaugurouse no primeiro andar do Liceo de Ourense, unha exposición de Xosé Rivada, baixo o título “Punto e Aparte”. Resultaría moi sinxelo tirar de currículo e biografía do autor para tentar xustificar a excelencia da obra que nos presenta. Viaxeiro incansable e fillo de artesáns da pedra e do metal, Rivada é ademáis amigo dos amigos e un bo conversador de historias, contos e lendas da Nosa Terra. Todo esto é o que o artista trasmite nuha charla informal de pouco máis de media hora, rodeado das súas obras. Logo, atendendo a súa creación, observo con curiosidade e asombro que transforma os materiais, cores e formas en función da imaxinación, sen límites en canto á técnica empregada. Raras veces fai bocetos das obras, sexan grandes (7 metros) ou pequenas, pois bástalle con visualizar a peza en bruto para ver o resultado buscado. Sen embargo Rivada precisa encherse doutras artes para o seu fazer creador. Percibo con agrado e empatía que a música forma parte integral da súa personalidade e para elo os seus fillos, ao piano, son de gran axuda.

Segundo me conta Antón Alonso, amigo e compañeiro da directiva do Liceo, ver traballar a Rivada é todo un espectáculo na investigación de materiais e nas formas que dan culto e valor as figuras femininas. Outros motivos, tamén galegos, están presentes nas obras expostas: o cigarrón, instrumentos musicais, peixes e outros iconos mitolóxicos crean ese punto e aparte na escultura e pintura de artistas galegos. Por iso esta non é unha exposición máis, rodeado dos amigos do Liceo, senón unha obra de arte que radiografía a alma do autor.

Te puede interesar