Opinión

XOGOS PERIGOSOS

Con motivo da traxedia acontecida no recinto municipal de Madrid Arena, hai varias cousas que veñen a conto comentar aos máis novos que andan no asunto. Case sempre acontece que as lamentacións chegan máis tarde cas solucións, ou en todo caso, cas prevencións. Se somos un pouco transparentes, vemos que son moitos os que foron esquivando pouco a pouco as toladas dos tempos de novos. Polo miúdo na idade da pre-adolescencia e sucesivos anos, a vida corre a un ritmo moito máis lento do que un puidese desexar. Algúns, eu diría a maioría, logran chegar ao equilibrio, pero unha pequena parte (a máis pública) fica atrapada na rede de sobre-pasar o límite permitido. O maior problema é que esa fronteira é diferente para todos, e cadaquén pode cuestionar o que non ten resposta: por que ese tipo pode e eu non podo ir máis alá?


Non quixera caer no dilema de remexer moito a materia gris para non dar unha pistiña de por onde van os tiros, e aínda que abuse con certeza dalgunhas metáforas, quero expresar a importancia de ter unha meta clara, un obxectivo definido e uns valores salvadores dos que sempre se pode botar man cando é preciso. Por iso penso que criminalizar aos xoves que 'por natura' teñen que se divertir dalgún xeito (polo menos para esquecer que o futuro de encher as listas do paro non é para tirar foguetes) non é un camiño moi acertado. Tampouco vale de moito o xeito de emprender unha búsqueda exhaustiva de culpabeis e neglixentes (todos eles supostos) que paguen unha traxedia que non ten prezo, xa que a vida non volve a un cando ésta se perde. Iso non significa que os responsabeis non cumpran coa lei, e que asuman as súas responsabilidades; significa que a cobertura televisiva, os debates e investigacións 'feitas na casa', aportan pouca seriedade a esas vidas humanas que ían pasar un tempo de lecer, si do seu lecer e cos seus riscos, como sempre foi, e hoxe xa non están entre nós.


Sempre estivemos rodeados polos perigos que nós mesmos creamos. Non imaxino nas festas dos pobos das nosas vilas (xa non digo aldeas), cando os mozos e mozas ían de noite polos camiños, unha xuntanza de 15.000 persoas fechadas nun local sen saídas de emerxencia. Absurdo, verdade? Pois estas xuntanzas creámolas nós e deberamos recoñecer que se non puidéramos ultra-pasar a cola, ou entrar sen pagar, diríamos que estaba todo demasiado controlado e que era unha trapallada. Despois veñen os problemas que sempre chegan paseniño e pedimos responsabilidades?


Lembro a un dos rapaces que falaron que dicía con pesar: 'Era posible que algo disto acontecera, pero entrei, porque quería divertirme'. Algún pensará desde o seu universo que iso supón ser pouco responsable (xa non lembra os excesos que se permitía), pero a miña preocupación pasa polo que antes comentaba de ter ou non as ideas claras. A xente nova destes tempos téñeno bastante máis claro cas nosas xerazóns. Cantos de vostedes cuestionaban a perigosidade de xogo antes de comezalo? Tamén pode ser que sexa eu o que estea trabucado e ningún dos de antes xogaran a xogos tan perigosos.

Te puede interesar