Opinión

Un albariño con tres premios

Etiqueta de Terra Firme  e punta de frecha na publicación Antón Rodríguez Casal.
photo_camera Etiqueta de Terra Firme e punta de frecha na publicación Antón Rodríguez Casal.

Un dos praceres desta vida é sentarse cos amigos compartindo conversas, sempre interesantes e ás veces animadas por unha copa de viño. Coincidimos, eles máis eu, en que a comensalidade é un rito laico que só a boa amizade ao redor do mantel converte nunha das cousas que paga a pena vivir, das que levaremos con nós cando deixemos este mundo. 

Non hai moito tiven a fortuna de compartir con eles -ese foi un dos premios- un bo albariño das Rías Baixas, o “Terra Firme”, procedente de viñas e adega documentadas polo menos dende 1850 nas feraces terras do Salnés, capaces de mirar ao mesmo tempo cara as rías de Pontevedra e Arousa. Pero a miña gran sorpresa foi ao ver a etiqueta: unha fermosa punta de frecha que, ademais, indicaba un ocorrente norte. Onde a vira antes? A forma soábame moito, pero despois contareilles. Certamente non é moi habitual ver motivos así representando ás marcas dos nosos viños, polo que tirei de Internet para facer indagacións ata dar co asunto. 

O fermoso deseño era obra do Grupo Revisión, formado polos tres prestixiosos creativos nas artes da imaxe Pepe Barro, Lia Santana e Xosé Salgado, que comparten un estudo, e foi merecedora do premio de Identidad Visual que organiza a Asociación Española de Profesionales del Diseño. Ese foi outro premio que gardaba a botella. Máis as indagacións continuaron coa busca da procedencia da punta de frecha seleccionada polos deseñadores para o albariño e, facendo memoria, revisei a bibliografía que tiña ao meu dispor ata dar con ela. Se acertei, penso que asi foi, din cun moi grato novo e gran premio, todo iso, como verán, por varios motivos. Un era que a frecha fora descuberta na escavación do dolmen número 3 de Parxubeira, situado no coruñés Concello de Mazaricos. Os traballos nos monumentos megalíticos desenvolvéranse en tres campañas entre os años 1977 e 1984 e viron a luz no libro titulado “La necrópolis megalítica de Parxubeira”, publicado en 1988 polo Museo Arqueolóxico e Histórico Provincial da Coruña. Sen dúbida as escavacións suscitaron un gran interese porque estas sepulturas monumentais foran utilizadas e reutilizadas durante un tempo bastante longo, tanto que nela  confluíron tres etapas da prehistoria: un primeiro uso foi no Neolítico, cando foron construídos os dolmens. Outro uso posterior correspondese coa Idade do Cobre, tamén denominada Calcolítico. E o terceiro uso, posterior a ambos, no Bronce Antigo, cando comeza a tecnoloxía de aliaxe metalúrxica. Poi ben, a punta de frecha procede do uso máis antigo dos monumentos, do horizonte cultural primario propio do ritual megalítico. Mais para min o máis importante deste caso é o novo premio que agachaba a etiqueta do albariño Terra Firme, a que loce orgullosa a punta atopada nas mámoas da Parxubeira: o director das escavacións é o catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago, Antón Rodríguez Casal, con quen me une unha profunda amizade a quen lle gardo fondo respecto e agradecemento porque foi o director da miña tese de doutoramento, que defendín en 1994, encamiñando no traballo académico a materialización das miñas investigacións na querida terra da Baixa Limia. 

Vexan que nunca tantos premios confluíron nesta botella de albariño, algún cargado de lembranzas que transcenden o mero desfrute dunha copa de viño.

Te puede interesar