Opinión

Auga ritual no medievo ourensán

En 2012 vía a luz o libro “Aqva, Divi, Vrbs. auga deuses e cidade. Escavacións arqueolóxicas nas Burgas (Ourense)”, coordinado por un servidor xunto co arqueólogo Celso Rodríguez Cao, director das escavacións. Editado polo Concello de Ourense, esgotouse, e este non o reeditou, polo que presentamos unha versión actualizada ao concurso de publicacións da Deputación de Ourense. Foi publicado en 2017 engadindo dous traballos: un sobre a consolidación dos restos arqueolóxicos e outro sobre a creación do Centro de Interpretación. A primeira e a actualizada, reúnen os traballos de prestixiosos especialistas ao redor das escavacións realizadas polo Concello de Ourense nas célebres fontes termais ourensás, ao tempo que resaltaba a importancia da auga na historia da cidade.

Non lles teño que lembrar a significación destes mananciais para Ourense, pero si quero resaltar a súa sacralidade, xa no mundo antigo, cando nelas moraban deuses arcaicos que outorgaban a curación para os crentes a través das propiedades das augas. Os achados arqueolóxicos dan fe diso, polo menos dende o século I d. C. Mais a acción terapéutica continúa nas centurias posteriores, despois da cristianización. Aí segue a fermosa lenda que de novo atribúe os poderes curandeiros da auga á divindade, a que sitúa a orixe destes mananciais -que ferven e que curan- nos pés do Santo Cristo da catedral. A cristianización do lugar complétase co culto da Virxe do Carmo ou a Nosa Señora das Burgas -que en realidade trátase da Nosa Señora do Posío-, instalada nunha fornela no muro que separa o colexio das “Josefinas” dos xardíns. Os baños neste lugar ou en instalacións próximas seguirán en uso na Idade Media, como narran algúns documentos que trataremos noutra ocasión. Agora quero falarlles dun achado arqueolóxico medieval en Ourense que ten que ver, outra vez, co uso sacralizado da auga. Foi nas escavacións do solar onde se construíu o Centro Cívico e Social entre as rúas de Colón e de Cervantes, tamén dirixidas por Celso Rodríguez Cao. Alí, ademais dos achados romanos, documentouse un nivel arqueolóxico medieval cunhas cerámicas moi especiais. Son catro xarras moi semellantes as que se atoparon, moitos anos antes, no lugar e xacemento de Santa Mariña de Augas Santas. Nese santuario allaricense relacionado con augas milagreiras, apareceu un grupo de cento vinte e oito xarras semellantes no decurso das intervencións realizadas por Conde-Valvís e Chamoso Lamas, cando se estaban a limpar o cano ou desaugue da fonte do “Forno da Santa”. Este enclave arqueolóxico foi unha sauna-monumento prerromano, despois transformado en lugar de culto martirial a Santa Mariña. Séculos máis tarde foi reconstruído, nas centurias finais da Idade Media, momento histórico que se ten situado entre os séculos XIII e XIV. Seguramente foi cando se depositou no lugar, de forma simultánea ou progresiva, o conxunto de xarras. 

Estas vasixas de Santa Mariña véñense interpretando como ofrendas, quizais para beber antes de depositarse neste santuario de carácter acuático, quizá como conxunto fundacional, sen desbotar o uso ritual en relación co culto á santa mártir. Descoñecemos a función das catro xarras de Ourense, pero o descubrimento moi próximo ás fontes das Burgas ou dalgunha outra surxencia non localizada, así como a súa indubidable semellanza co paradigmático depósito de Augas Santas, puidera indicar outro uso sacralizado da auga en Ourense.

Te puede interesar