Opinión

Cando Abd Al Aziz asolou Ourense

É difícil coñecer as primeiras centurias da historia medieval na cidade. Cústanos describir Ourense entre os séculos V e XII cos datos arqueolóxicos e os documentos conservados. Tempos antes, a urbe romana entrara nunha aparente decadencia, que deducimos da proliferación de tumbas que chegas a superpoñerse sobre edificacións preexistentes. Cuevillas dicía que daquel Ourense do século VI só sabiamos que era “…a cidade de residencia dun rei que se chamaba Carriarico e dun bispo que se chamaba Witimer”.

Mais deberon ser etapas duras. Antes das invasións islámicas de 711, ocorreran moitas cousas. Nos séculos V e VI o reino suevo de Gallaecia está en disputa permanente co visigodo, ata que Leovilxildo derrotou ao rei suevo Andeca en 585. Entón o monarca visigodo converteuse en soberano de Hispania, Gallaecia e Septimania. Pero nos anos previos ao 711, cando se produce a invasión musulmá, os partidarios de Rodrigo e Agila II -fillo de Vitiza- disputábanse o trono e o exército estaba dividido entre “rodriguistas”e “vitiziáns”. Estes últimos piden axuda aos norteafricanos. Mentres tanto, pouco sabemos do que estaba a acontecer en Ourense. A documentación cita a un bispo chamado Frutuoso con sé na cidade, polo menos entre os anos 688 e 693, aínda que descoñecemos se proseguiu despois da chegada dos árabes. Sospéitase que a sé episcopal situaríase moi cerca da primeira catedral, acaso onde hoxe se ergue a igrexa de Santa María Nai. Ao seu redor, un pequeno casarío resistiría a decadencia da preexistente cidade romana. Ese “núcleo xermánico”, organizado ao carón do antigo complexo catedralicio, é o que posiblemente sobrevive despois da invasión sueva e posterior incorporación ao reino visigodo. As teorías históricas poden ir por esa liña, aínda que a arqueoloxía aínda non puido verificalas. No ano 716 irrompe Abd Al Aziz, cuxa expedición contra Ourense debeu causar efectos terribles, como manifestan as “Constituciones Sinodales del Obispado de Ourense” de 1622, reimprimas en 1843: “Despues de la entrada de los Moros en 711 en la península en el año 716 su general Abdelafin tomó á Oporto Braga Tuy y Lugo, y de Orense dice el Cronicón anónimo atado por Brito y Sandoval que la despobló y arrasó hasta igualarla con el suelo. Auriam verò depopulavit usque ad solum”. Tamén na “España Sagrada” do P. Enrique Flórez . O seu Capítulo VI do Tomo XVII, conta que “Una de las Ciudades que experimentaron el furor de los Árabes fue la de Orense, que no empieza tanto desde aqui á mostrarnos su estado de cautiverio, quanto el de su desolación: pues varios documentos refieren haber sido totalmente destruida” e que “...en el 832, perseveraba en sus ruinas, sin muros ni gente...”.

Sen embargo, o efecto das campañas de Abd Al Aziz aínda se discuten. Case non temos datos arqueolóxicos sobre o urbanismo desta época, pero sabemos que o bispo Ederonio constrúe -ou reforma- a igrexa de Santa María Nai en 1084, quizá sobre as ruínas da suposta catedral sueva. Anos antes Ourense tamén sufrira a furia de Almanzor e dos normandos, en 986 e 1015, e supoñemos que non estarían interesados nunha cidade asolada. Parte da historiografía medieval cuestiona o despoboamento total das cidades do sur de Galicia. Indubidablemente debemos agardar os novos datos que ofrecerán as investigacións futuras.

Te puede interesar